- Tipo
- Tematica
O Apalpador visitará Ames o vindeiro venres 12 de decembro, ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. A visita, enmarcada dentro do programa Apego, contará tamén coas actuacións musicais da Banda da Montaña e de Cé Orquestra Pantasma. Para asistir, é preciso facer unha inscrición previa enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, indicando nome e apelidos dos asistentes, idade dos cativos e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición está aberto do 4 ao 11 de decembro.
Chegou decembro e canda el van vindo os preparativos para o Nadal. O señor Apalpador ten todo preparado para a súa viaxe e, un ano máis, vai comezar por Ames. Vén acompañado da Banda da Montaña para animarnos a recibir o Nadal cantando e bailando.
Chegará á Casa da Cultura de Bertamiráns o vindeiro venres 12 de decembro, ás 18.00 horas, cargado de contos e cantos e cun agasallo para todas as crianzas. Deste agasallo só nos contou que é máxico e que naceu na Serra do Courel. Ademais, recollerá todas as cartas e debuxos que lle deixen as nenas e os nenos.
Este ano desde o Concello de Ames temos unha sorpresa para el e para todas as nenas e nenos que se acheguen, ímolo recibir cunha actuación de Cé Orquestra Pantasma, que volverá Ames para contaxiarnos a todas e todos co seu ritmo.
A entrada vai ser de balde, pero é necesario facer a inscrición coma en calquera outra actividade do programa Apego. O prazo de inscrición está aberto do 4 ao 11 de decembro. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto. Non se admitirán inscricións fóra de prazo e as prazas asignaranse por orde de recepción de solicitude.
Nesta ligazón pode descargarse a carta de Nadal que os cativos desexen entregarlle ao Apalpador, e nesta outra ligazón as posibles propostas de agasallos que poden pedir.





