- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan a VII edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre que se celebrará o vindeiro 8 de marzo e que, desta volta, tamén incluirá un trail curto. A hora de saída do trail longo será ás 10.00 horas desde A Ponte Maceira, mentres que cinco minutos máis tarde, ás 10.05, e desde o mesmo punto de partida, comezará a andaina. O trail curto e o campionato da Xunta de trail running Preclassic arrancará ás 10.25 horas dende a praia fluvial de Tapia. O prazo de inscrición estará aberto ata o 3 de marzo e pode facerse a través da seguinte ligazón. Nesta proba poderá participar calquera deportista, sexa ou non federado. Pódese consultar as bases e regulamento da proba na seguinte ligazón.
O Concello de Ames, xunto coa Federación Galega de Atletismo, organizan unha nova edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que se celebrará o vindeiro domingo 8 de marzo. A proba, enmarcada dentro da especialidade atlética do Trail-Running, formará parte do Galicia Trail Running e, ademais, será o III Campionato Xunta de Galicia de Trail Running Preclassic e estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
Deste xeito, A Ponte Maceira volve a ser un ano máis o punto de partida deste evento deportivo, tanto para o trail como para a andaina. Os participantes do trail longo, cunha distancia de 16 quilómetros, sairán ás 10.00 horas, mentres que os da andaina, que terán que percorrer unha distancia de 15 quilómetros, sairán cinco minutos máis tarde, ás 10.05 horas. Este ano inclúese outra vez un trail curto de 8 quilómetros, que sairá da praia fluvial de Tapia ás 10.25 horas. A esta mesma hora comezará o III Campionato Xunta de Galicia de trail running Preclassic. A meta para todas as probas será no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións da Ameixenda.
Para favorecer o bo transcurso das probas, establécense uns tempos de corte máximo para o trail longo e a camiñada na praia fluvial de Tapia, que se corresponde aproximadamente ao quilómetro 8. Deste xeito, no caso do trail longo será de 1 hora e 15 minutos dende a saída (ata as 11.15 horas) e para a andaina de 2 horas dende a saída (ata as 12.05 horas). Para o trail curto non haberá tempo de corte. Os participantes que non completen a proba no tempo establecido, serán retirados da competición e trasladados ata o punto de meta.
Aínda que na camiñada non se distinguirán categorías (a idade mínima de participación é de 12 anos), tanto no trail longo como no curto si que haberá distinción por idade. Deste xeito, na proba longa haberá catro categorías: sénior, dende os 18 ata os 34 anos; máster 1, dos 35 ata os 40 anos; máster 2, dos 41 aos 49 anos; e máster 3, dos 50 anos en diante. En canto á proba curta, as categorías 3: sénior, para os nados no 2008 en diante; sub 18, para os nados no 2009 e 2010; e sub 16, para os nados entre o 2011 e 2012. Cómpre sinalar que para todas as categorías haberá distinción masculina e feminina.
Neste evento deportivo poderá participar calquera deportista, sexa ou non federado. Todos os participantes, tanto nos trails como na andaina, concorrerán cunha licenza de día de trail running, que incluirá un seguro de accidentes deportivos e tamén de responsabilidade civil. Os deportistas federados estarán cubertos polo seguro da súa correspondente licenza.
Para as tres probas, os deportistas participantes terán acceso a un servizo de duchas situadas nas instalacións do Real Aeroclub tras a finalización da actividade física. Do mesmo xeito, tanto para o trail longo como para a camiñada instalarase un sistema de abastecemento líquido e sólido no quilómetro 8 e na meta. É por iso que será obrigatorio portar un sistema de hidratación. No trail curto so haberá abastecemento na meta.
Inscricións, recollida dos dorsais e transporte
Para poder participar en calquera das tres probas, os deportistas deberán realizar a súa inscrición a través da seguinte ligazón. Non obstante, todas aqueles atletas que queiran optar aos premios da proba popular, deberán facer a inscrición a través da páxina web de carreiras galegas como o resto de participantes.
O período de inscricións estará aberto ata o vindeiro 3 de marzo. Para poder participar, os atletas deberán abonar 11€ para o trail longo e 7€ tanto para a andaina como para o trail curto. Así mesmo, establécense límites de participación en cada unha das probas, podendo acoller o trail longo 350 deportistas, o trail curto 200 e a camiñada outros 200.
Unha vez inscritos, os e as atletas deberán recoller o seu dorsal o sábado 7 de marzo, de 16.00 a 20.00 horas en BJ Trainers & Co, na rúa Alcalde Lorenzo, número 13, en Bertamiráns, ou o domingo 8 de marzo a partir das 07.45 horas na zona de meta, nas instalacións do Real Aeroclub de Ames.
O día da proba, todas as persoas participantes terán dereito a seren trasladados en autobús dende a meta, situada, precisamente, no Real Aeroclub en Ameixenda, ata o punto de saída das probas. Deste xeito, todos os deportistas poderán coller o autobús a partir das 08.15 horas e non ter que desprazarse de maneira individual.
Premios
Haberá premios para os tres primeiros/as clasificados/as de cada categoría nos trails, para os tres primeiros equipos federados, para os tres primeiros/as clasificados/as locais empadroados no Concello de Ames nos trails e un premio especial STRAVA, para o primeiro/a no tramo cronometrado a través desta aplicación (a localización de dito tramo será comunicada previamente aos participantes). Na mesma liña, todos os participantes das probas recibirán un agasallo técnico (que se poderá recoller xunto co dorsal de competición antes de coller os autobuses). A entrega de premios realizarase a partir das 12.30 horas nas instalacións do Real Aeroclub.





