- Tipo
- Tematica
A Concellaría de Mocidade continúa a organizar diferentes actividades nunha nova edición do programa Trouleando. Desta vez, os mozos e mozas amesáns poderán gozar o vindeiro 25 de maio dunha xornada de ‘Humor Amarillo’, un xogo no que os participantes teñen que realizar varias probas do máis orixinais. A actividade é de balde e está dirixida para a mocidade nada entre 1995 e 2012. O prazo para inscribirse comeza este mércores, día 7 de maio, e estará aberto ata o vindeiro luns, día 12. Para participar, é preciso enviar a ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo xuventude@concellodeames.gal. Hai 50 prazas dispoñibles e adxudicaranse pola orde de chegada das solicitudes.
Nesta ocasión, desde o programa Trouleando organizan unha mañá nas instalacións de Monte Alba (Vigo) na que os participantes poderá gozar dunha xornada de ‘Humor Amarillo’, un xogo que consiste en realizar diferentes probas do máis orixinais e nas que as risas están máis que aseguradas.
Nesta nova actividade do Trouleando, a mocidade de Ames terá que amosar cal é o equipo que conta cunha maior axilidade, destreza e valentía, aínda que o obxectivo principal é pasalo ben entre todos e todas botando unhas boas gargalladas. Algunhas das probas ás que se terán que enfrontar os equipos serán a carreira de dragóns, loita de gladiadores, combates de sumo ou a ponte colgante.
A actividade realizarase o vindeiro domingo 25 de maio pola mañá. Como vén sendo habitual, haberá servizo de autobús desde o Pazo da Peregrina, de Bertamiráns, ás 9.15 horas, e desde a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 9.30 horas. O regreso está previsto que sexa arredor das 15.15 no Milladoiro e ás 15.30 horas en Bertamiráns.
