Pestanas principais

>Trofeo de Supercross G.P. Concello de Ames

Sábado, 28 xuño, 2025
Ás 17.00 horas

O Motoclub Ameixenda e o Concello de Ames organizan o vindeiro sábado, 28 de xuño, unha das probas de supercross da Galicia League. O Gran premio Concello de Ames é un evento deportivo a nivel autonómico, non oficial, non federado, de acordo coa actual normativa galega do deporte. Nesta proba que se desenvolverá no circuíto SX Alex de Moure, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda, participarán os mellores pilotos de supercross de toda Galicia. Estímase que participen arredor de 50 pilotos entre os que destaca a presenza de Jorge Paradelo García.  O prazo de inscrición pecha o xoves 26 de xuño.

O Motoclub Ameixenda volve a carga cunha nova edición do Gran premio Concello de Ames de supercross. Trátase dun evento deportivo a nivel autonómico, non oficial e non federado, de acordo a lei 3/2012, de 2 de abril, do deporte de Galicia. A través desta proba trátase de potenciar o deporte de base na modalidade do supercross e motocross.

Categorías e horarios
Esta proba, que se desenvolverá no circuíto SX Alex de Moure, na parroquia da Ameixenda, forma parte dun campionato de supercross e motocross a nivel autonómico, denominado “Galicia League Crono Racing”, no que participan os mellores pilotos de supercross de toda Galicia. O Gran premio Concello de Ames de supercross 2025 está organizado polo Motoclub Ameixenda o o Concello de Ames.

Os/as participantes que se inscriban estarán divididos/as en diferentes categorías: SX Pro, SX Adulto (elite e amateur por tempos), féminas, 85cc, 65cc, 50cc +6 anos, e 50cc -6 anos. Estímase que participen arredor de 50 pilotos entre os que destaca a presenza de Jorge Paradelo García.  O prazo de inscrición pecha o xoves 26 de xuño.

Pola mañá desenvolveranse as verificacións técnicas e administrativas. De seguido, os pilotos participarán nos adestramentos libres e de clasificación. Ás 17:00 horas, dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría. Ao remate da proba realizarase a entrega de trofeos.

Novidades no circuíto SX Alex de Moure
O circuíto SX Alex de Moure dispón dunha pista de 680 metros e diferentes saltos: mesetas, dobres, etc. Para esta edición do Gran premio Concello de Ames de supercross realizáronse varias melloras no circuíto. O trazo dispón de máis ancho e conta cun novo salto. Ademais, este ano aplicouse un novo material máis arxiloso en toda a pista o que permite que teña maior resistencia á humidade.

Este recinto de máis de 19.000 metros cadrados conta cun amplo aparcadoiro gratuíto, situado a escasos metros da pista de competición, e cunhas condicións óptimas tanto para a práctica do deporte como para contemplación desta modalidade deportiva.