Pestanas principais

> Tribuna académica: cidades e comunidades sostibles

Venres, 24 febreiro, 2023
Ás 10:00 horas

O venres, 24 de febreiro, o Concello de Ames acollerá a primeira Tribuna Académica de cidades e comunidades sostibles no noroeste peninsular, organizada pola concellaría de Educación e Axenda Urbana. A xornada desenvolverase no Pazo da Peregrina, a partir das 10:00 horas, e nela participarán relatores de universidades españolas e portuguesas. Os principais temas a debate están vencellados aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, e, en particular, do ODS 11, sobre cidades e comunidades sostibles.

Ás 10:30 horas terá lugar a conferencia inaugural, impartida por Teresa Sá Marques, da Universidade do Porto, baixo o título “Territorio, ordenamento e sustentabilidade”. Sá Marques está doutorada en Xeografía, e ao longo da súa carreira profesional ten realizado investigacións sobre áreas como os sistemas e as políticas urbanas, a economía e o desenvolvemento territorial e o papel das tecnoloxías da información no ordenamento do territorio.

A partir das 11:00 horas terá lugar a primeira mesa redonda, denominada “Cara á sustentabilidade urbana. Economía, mobilidade, reducción de impactos ambientais”. Estará moderada por Rubén Camilo Lois González, da USC, e nela participarán Helena Madureira (Universidade do Porto); Miguel Pazos, Xavier Vence e Victoria Otero (USC), e David Ramos (Universidade de Salamanca).

Xa pola tarde, dende as 15:30 horas, desenvolverase a conferencia central da xornada, “Modelos de cidade e corrección das desigualdades no marco das axendas urbanas”. Será impartida por Oriol Nel·lo, da Universidade de Barcelona. Nel·lo foi director do Institut d’Estudis Metropolitans de Barcelona, e tamén deputado no Parlamento de Cataluña, así como secretario para a Planificación Territorial do goberno da Generalitat de Cataluña.

Para rematar a xornada, ás 16:30 horas celebrarase a segunda mesa redonda, “Cara unha cidade socialmente xusta e democrática”. O debate estará moderado por José Alberto Rio Fernandes, da Universidade do Porto, e nel intervirán Fátima Matos (Universidade do Porto); Pedro Chamusca (Universidade do Minho); e María José Piñeira, Ismail Irigoy, Cristina Botana e Francisco Durán (USC). A partir das 18:30 horas terá lugar o acto de clausura.