Pestanas principais

>Transgalaica Ames

Domingo, 1 marzo, 2026
Ás 9.30 horas

O concello de Ames inaugura por primeira vez o circuíto de BTT máis importante do noroeste español. O domingo, 1 de marzo, será a décima ocasión na que o concello acolla este evento deportivo, unha das citas con maior repercusión no mundo do ciclismo no noroeste español. Esta proba, organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay (Transgalaica), conta coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:30 horas, onde comezará un circuíto de 32 quilómetros que haberá que percorrer dúas veces, facendo así en total unha proba de 64 quilómetros. As inscricións abren hoxe, 20 de xaneiro, e  estarán abertas ata o mércores 25 de febreiro, ás 23:59 horas. As inscrición pódense facer premendo nesta ligazón ou a través da web magmasports.es.

O próximo 1 de marzo, o concello de Ames ten a honra de inaugurar o circuíto de BTT máis importante do noroeste español. A Transgalaica Ames 2026 será a primeira das cinco probas que percorrerán a xeografía galega este ano, convertendo a Bertamiráns no epicentro do ciclismo nacional. Con 10 anos de historia consecutiva (salvo a paréntese de 2021 por mor da situación epidemiolóxica provocada pola Covid), esta cita é xa un emblema pola súa beleza paisaxística. O Pazo da Peregrina e o icónico Monte San Marcos volverán a ser algúns dos lugares por onde discorrera esta proba de ciclismo de montaña.

Esta proba, que se vai celebrar o domingo 1 de marzo, está organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, e, ademais, conta coa colaboración da Concellaría de Deportes do Concello de Ames. Este ano o circuíto de bicicleta de montaña Transgalaica conta con cinco probas: a primeira será a de Ames, e seguiranlle o 15 de marzo a proba de Silleda, o 29 de marzo a de Cerdedo-Cotobade, o 26 de abril a proba de Friol e o 10 de maio pecharase o calendario na Estación de Manzaneda.

Percorrido da proba
A proba comezará ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois polas inmediacións de Aldea Nova, Covas, Augapesada, seguindo por Lamas, ata chegar ás instalacións do Real Aeroclub de Santiago en Piñeiro. A continuación pasase polo alto do Monte Liñaredo, arredores do Monte San Marcos e Ventosa. Dende aí volverase ata Bertamiráns pola emblemática baixada da alta tensión do monte preto de Aldea Nova. Estímase que os primeiros ciclistas completen a primeira volta sobre as 10:49 e a segunda sobre as 12:03 horas. Antes, dende as 8:00 horas, comezará a entrega de dorsais na propia zona do Pazo. Pola súa banda, a entrega de premios terá lugar a partir das 14:00 horas.

O percorrido desta edición será semellante ao da pasada edición. Na segunda volta, non se subirá á zona de Aldea Nova e os participantes irán directamente polo sendeiro fluvial Rego dos Pasos, que estará debidamente indicado o propio día da proba.

Os/as participantes terán que dar dúas voltas a un circuíto de 32 quilómetros completando un percorrido de 64 quilómetros (aproximadamente) e que conta cun desnivel de 1.600 metros. Por motivos loxísticos e de seguridade, establécese un control de paso no quilómetro 32 da proba. Os/as participantes que non pasen por el antes de 2 horas e 10 minutos deberán retirarse clasificando co tempo marcado nese punto.

Ademais, haberá unha carreira sprint, na que o seu resultado computará puntos para a clasificación xeral absoluta da Transgalaica. Só puntuarán os primeiros 25 clasificados en pasar pola liña de meta na primeira volta. Premendo nesta ligazón podes consultar o regulamento xeral da Transgalaica.

Participación e inscricións
Poderán participar na proba todos os corredores e corredoras con licenza de ciclismo en vigor para a tempada 2026, ou ben aquelas persoas que tramiten unha licenza de 1 día.

As categorías nas que se pode participar son a masculina absoluta (S23, elite, M30, M40, M50, M60), feminina absoluta (S23, elite e máster), Transgalaica do Futuro (júnior federados masculina e feminina) e open (cicloturistas e ciclistas con licencia de 1 día). As inscricións abren hoxe, 20 de xaneiro, e  estarán abertas ata o mércores 25 de febreiro, ás 23:59 horas, premendo nesta ligazón ou accedendo á web magmasports.es. As persoas federadas teñen unha cota de inscrición de 20 euros, mentres que as non federadas deberan abonar 35 euros (20 euros de inscrición e 15 euros pola licenza de 1 día).