Pestanas principais

> Teatro: "Libre coma os paxaros"

Venres, 18 febreiro, 2022
ás 20:30 horas

O venres 18 de febreiro ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, será a quenda de “Libre coma os paxaros” na programación cultural de Ames do primeiro semestre de 2022. O drama da compañía Teatro do Atlántico ten á actriz María Barcala representando o papel dunha muller escritora e poetisa, comprometida coa cultura do seu pobo, que reflicte e denuncia a situación das mulleres, a emigración masiva, a fame e a miseria: María Rosalía Rita de Castro. As entradas están dispoñibles a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Unha muller toma a palabra e proclámase posuidora da súa liberdade. Declara, desafiante, non someterse ás regras da arte no exercicio da súa actividade creativa, nin acatar mandatos dos seus iguais.

Declara o seu amor pola literatura, a poesía e a lingua do seu país; o seu respecto e admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo; e expresa a súa solidariedade e a súa dor polas miserábeis condicións de vida que aquelas teñen que soportar.

Denuncia o espolio do patrimonio forestal, a traxedia da emigración á que se ven obrigados centos de miles de compatriotas para poder sobrevivir, eles e as súas familias, á fame e á miseria.

E clama contra o silencio que todo o envolve. Muller. Filla de nai solteira. E de pai cura. Escritora. E poeta. Galega de pensamento libre. Libre coma os paxaros. Chámase María Rosalía Rita de Castro.