- Tipo
- Tematica
O vindeiro venres 6 de xuño, o grupo municipal de teatro estreará no auditorio do Milladoiro, ás 20.30 horas, a obra “Soño dunha noite de San Xoán”, pechando así a actividade do grupo neste curso. Ademais da estrea, realizarán un pase da peza en Bertamiráns o vindeiro venres 13 de xuño, tamén ás 20.30 horas. Os convites xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames. No caso de que queden convites dispoñibles, poderán adquirirse o día da función correspondente nas Casas da Cultura de Bertamiráns ou Milladoiro.
O grupo municipal de teatro de Ames pecha a súa actividade neste curso cunha última representación teatral neste mes de xuño coa estrea de “Soño dunha noite de San Xoán”. O primeiro pase terá lugar no Milladoiro o día 6 de xuño, mentres que o segundo será en Bertamiráns, o día 13, ámbolos dous ás 20.30 horas.
Estrea de “Soño dunha noite de San Xoán”
O grupo municipal de teatro integrado por adultos presentará o vindeiro venres 6 de xuño no auditorio de Milladoiro a peza “Soño dunha noite de San Xoán”, unha adaptación da obra de William Shakespeare escrita no 1595. O venres 13 de xuño realizarán un segundo pase do espectáculo no auditorio de Bertamiráns.
O elenco está formado por Eduardo Castelo, Carmela Pardal, Ilduara García, Gene Martínez, Maite Fajardo, Marisa Peña, Cris Botrán, Anna Reig, Iván Tourís, Emilia Mayo, Pablo Núñez, Esteban Paz, Tatiana Duro, Mirella Vázquez e Marichelo Cajide. A peza está baixo a dirección de Diego Rey.
Nesta peza, baseada no día de San Xoán, coñecida como a noite máis curta de todo o ano, pode acontecer calquera cousa: dende dúas parellas de namorados que loitan polo dereito a estar xuntos (aínda que non teñan moi claro aínda con quen...), ata dúas meigas que compiten pola sona de ser a mellor. Fadas danzarinas, trasnos argalleiros, e mesmo un grupo de humildes artesás con ínfulas de artistas citaranse no medio da fraga nunha noite chea de amor e humor.
Con Soño dunha noite de san Xoán, O Grupo Municipal de Teatro de Ames presenta unha das obras máis emblemáticas de Shakespeare e do teatro universal, coa que poderemos pasar unha máxica velada onde celebrar a alegría e o gozo da vida mesma.
