Pestanas principais

> Segunda proba do circuíto Transgalaica 2023

Domingo, 12 marzo, 2023
9:30 horas

O concello de Ames volve acoller este domingo, 12 de marzo, a segunda proba do circuíto de ciclismo de montaña Transgalaica 2023. Será a sétima ocasión na que o concello celebre este evento deportivo, unha das máis importantes do ciclismo no noroeste español. Esta proba está organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, e conta coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:30 horas, onde comezará un circuíto de 33 quilómetros que haberá que percorrer dúas veces. As inscricións están abertas ata este mércores 8 de marzo, ás 23:59 horas. A inscrición pódese facer premendo nesta ligazón ou accedendo á web magmasports.es.

A primeira volta será practicamente idéntica á da edición anterior do ano 2022, pero a segunda terá modificacións, acortando parte do percorrido na zona do Aeroclub e engadindo unha subida a Aldea Nova nos últimos 7 quilómetros da proba para rematar por unha nova baixada aberta en exclusiva para esta Transgalaica. Dende o club ciclista Os Esfola Arrós recomendan facer un recoñecemento da segunda volta (o track oficial da Transgalaica de Ames 2023 está en wikiloc) e logo o dia da proba levar o track completo (volta 1 e 2) aínda que estará completamente sinalizado o percorrido. Ademais, estréase sinalización. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo de recoñecemento do percorrido feito por Breogán Calviño.

Na proba poderán participar todos os corredores e corredoras con licenza de ciclismo en vigor para a tempada 2023, ou ben aquelas persoas que tramiten unha licenza de 1 día. As categorías nas que se pode participar son a masculina absoluta (S23, elite, M30, M40, M50, M60), feminina absoluta (S23, elite e máster) e open (cicloturistas e ciclistas con licencia de 1 día). As persoas federadas teñen unha cota de inscrición de 18 euros, mentres que as non federadas deberan abonar 28 euros (18 euros de inscrición + 10 euros pola licenza de 1 día).