- Tematica
O espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial Novo Milladoiro, programou para o mes de decembro tres actividades de aprendizaxe nas que haberá presenza de profesionais de éxito co obxectivo de formar a autónomos e empresas e crear un ambiente de networking no que os emprendedores poidan establecer sinerxías e estreitar relacións sectoriais. Todas as actividades se desenvolverán no Espazo colaborativo A Proa. A entrada para todas as actividades é libre e gratuíta. As inscricións poden facerse na páxina web de A Proa.
A Proa é un espazo de traballo colaborativo que ten como obxectivo ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. A instalación está pensada para que persoas autónomas e emprendedoras compartan espazos, fomentando a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.
Mércores 3 de decembro: Financiamento, Axudas e Subvencións
A asesora fiscal Ibtissam Mahboub, “Issa”, impartirá a formación “Financiamento, Axudas e Subvencións”, dirixida tanto a autónomos como a empresas. Unha oportunidade que se presenta como única para estar ao día de todas as subvencións e axudas dispoñibles actualmente en Galicia e poder sacar partido delas, grazas á información práctica e actualizada que achegará a asesora. “Issa” conta cunha ampla experiencia no eido fiscal con anos de andadura acompañando a empresas na xestión fiscal, optimización dos recursos e planificación estratéxica. Ademais, desde o 2021 lidera a súa propia asesoría, LENA Consultores, a cal ten moita presenza en Galicia, Madrid, Baleares, Barcelona e Andalucía.







