Pestanas principais

> Partido de fútbol solidario Bertamiráns FC - SD Urdilde

Domingo, 20 novembro, 2022
Ás 17.30 horas

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, o Bertamiráns FC e maila asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) colaboran co obxectivo de recadar fondos para o programa Vacacións en Paz 2023. Deste xeito, a contía recadada a través da venda de entradas para o partido Bertamiráns FC – SD Urdilde, que se disputará este domingo 20 de novembro, será doada a SOGAPS para sufragar o programa Vacacións en Paz. O custe das entradas será de 4 euros. Ademais, venderanse rifas e haberá un stand informativo de SOGAPS durante a xornada do domingo na área deportiva de Bertamiráns.

O partido de fútbol que se disputará este domingo 20 de novembro, ás 17.30 horas, no campo municipal de Bertamiráns entre o Bertamiráns FC e maila SD Urdilde terá un claro compoñente solidario xa que o importe recadado pola venta de entradas será doado á entidade Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) para sufragar o programa Vacacións en Paz. O custe das entradas será de 4 euros (a entrada terá un custe único para socios e non socios).

Bertamiráns FC e SD Urdilde disputarán o encontro correspondente a décimo primeira xornada da categoría de segunda Galicia. Prevese un partido igualado xa que o Bertamiráns FC é terceiro e a SD Urdilde está cuarta na clasificación. Ambos teñen 20 puntos e están a tres puntos do líder que é o Praíña SP. Será un partido importante para ambos equipos, pero ademais servirá para recadar fondos para SOGAPS.

Programa Vacacións en Paz 2023
A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) vén de poñer en marcha un ano máis o programa Vacacións en Paz e está en busca de familias amesás que queiran acoller a nenos ou nenas saharauís durante dous meses de verán. Trátase dun programa de acollida no que centos de nenos e nenas que viven en campos de refuxiados en Tindouf (Arxelia) pasan o verán en Galicia.

Esta iniciativa permite que os cativos e cativas escapen das altas temperaturas que se acadan durante o período estival no deserto saharauí, así como que pasen revisións médicas, aprendan galego e castelán e se evadan da súa realidade durante unhas semanas. Para máis información sobre o programa ou o proceso de inscrición, ou para resolver dúbidas, pódese escribir a sogaps.oficial@gmail.com ou chamar ao 678 727 382.