- Tipo
- Tematica
Durante 2025 estase celebrando o Ano Castelao polo 75 aniversario do seu pasamento. Deste xeito, o Concello de Ames tamén se suma a dita homenaxe cunha programación de actividades específica que comezou coa exposición dunha reprodución do cadro “A derradeira leición do mestre” nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns. O 7 de novembro, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, Mofa e Befa representan o espectáculo Os dous de sempre. O Regreso. Producións Teatrais Excéntricas construíu os seus últimos éxitos adaptando para o teatro grandes figuras da literatura galega.
A teatralidade do Porco de Pé de Risco e o Auto do Castromil de Manuel María, fixeron as delicias do público asistente ás mais de 120 funcións por toda a xeografía galega. Agora tocoulle a vez a Castelao. Moita xente, cando escoita a expresión “Os dous de sempre”, no primeiro que pensa é en Mofa e Befa. E a Castelao non lle parece mal. O duo cómico fundado hai trinta anos por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira son parte do fecundo rio do humor galego que ten a sua fonte nos bufón e no escarño medievais, e ao que tamén pertence o humor de Castelao. Mofa e Befa pertencen á estirpe dos pallasos de circo, dos artistas do cinema mudo, dos canallas do cabaret. Agora decídense a encarnar dúas personaxes de papel, concebidos por un humorista gráfico: Os dous de sempre.
Pedriño e Rañolas son contraditorios, extremos, antagónicos, polarizados…mais amigos. Un é o arriscado soñador (unha forma do idealismo) e o outro é un pancista pusilánime (unha forma do materialismo). Esta oposición entre corpo e alma, entre estómago e corazón aparece en outras parellas famosas, como Quixote e Sancho Panza, en Jacques o Fatalista e o seu patrón ou Don Celidonio e o Doutor Alveiros, de Risco. Pedriño e Rañolas entran neste selecto club, unidos a unha manchea de pallasos anónimos, artistas populares que correron as festas e romarías e que Castelao admirou con compasivo humor.
