- Tipo
- Tematica
As Bibliotecas municipais de Ames continúan coa súa programación de outono. Deste xeito, organizan o obradoiro “Pequenos artistas. Descubrindo a Castelao” no que os máis pequenos poderán descubrir e aprender sobre unha das figuras máis relevantes da cultura galega. A actividade desenvolverase o sábado 22 de novembro en Bertamiráns e o venres 5 de decembro no Milladoiro. O prazo de inscrición para participar na quenda de Bertamiráns está aberto desde o pasado luns, día 10, ata o vindeiro 19 de novembro. Para participar, é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal indicando nome, apelidos, curso e idade das crianzas participantes xunto cun número de teléfono de contacto.
O servizo de bibliotecas continúa coa súa programación de actividades nestes meses finais do ano, ademais dunha programación especial con motivo do Ano Castelao. Nesta ocasión, organizan o obradoiro “Pequenos artistas. Descubrindo a Castelao”, que se vai impartir o sábado 22 de novembro en Bertamiráns e o venres 5 de decembro no Milladoiro.
A rapazada que participe nesta actividade poderá coñecer a Castelao, un artista galego que, a través dos seus debuxos, contaba unha chea de historias. Os nenos e nenas tamén realizarán as súas propias viñetas e caricaturas traballando coa mesma idea que facía Castelao: inventar unha historia e debuxala.
Deste xeito, os máis pequenos poderán traballar a súa creatividade, dunha forma lúdica e, ao mesmo tempo, descubrir un dos grandes referentes da cultura galega e o seu legado como debuxante, escritor e defensor das tradicións de Galicia.
O obradoiro, dirixido para a rapazada que cursa 3º de primaria en diante, desenvolverase o día 22 de novembro, ás 11.30, na biblioteca de Bertamiráns. Por outra banda, no Milladoiro realizarase o venres 5 ás 17.00 horas na biblioteca municipal.
O prazo para inscribirse para a quenda de Bertamiráns está aberto desde o pasado luns día 10, ata o vindeiro mércores 19 de novembro. Para a quenda do Milladoiro, o prazo de inscrición estará aberto do 24 ao 29 de novembro. A inscrición pode facerse chamando ao 981 884 829 (biblioteca de Bertamiráns) ou 981 530 807 (biblioteca do Milladoiro) ou enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal indicando o nome, apelidos, curso e idade, así como un número de teléfono de contacto.
Programación polo Ano Castelao
Neste 2025 estase a conmemorar o Ano Castelao con motivo do 75 aniversario do pasamento do seu pasamento. Deste xeito, o Concello de Ames organizou unha programación específica que comezou xa no pasado mes de maio coa exposición dunha reprodución do cadro “A derradeira leición do mestre” nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns.
Así, ao longo destes meses, desenvolvéronse diferentes actividades relacionadas con esta ilustre figura da cultura galega, dende as representacións teatrais das obras “Castelao” de Culturactiva Producións e “Os dous de sempre. O regreso” de Mofa e Befa ata a proxección do filme “Antes de Nós”, dirixida por Ángeles Huerta e guionizada por Pepe Coira”, o pasado venres día 7.





