- Tipo
- Tematica
O Banco Municipal de Reciclaxe Electrónica do Milladoiro imparte o sábado, 11 de outubro, unha charla informativa e obradoiro gratuíto no que as persoas participantes coñecerán como aproveitar ao máximo o seu ordenador cando xa non se pode actualizar a Windows 11. Esta actividade impartirase no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8, de 11:30 a 13:00 horas. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón.
Este sábado, 11 de outubro, volve a organizarse unha nova actividade da Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre, unha iniciativa impulsada por AGASOL coa colaboración da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames. A Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe Electrónica de Ames é un proxecto posto en marcha polo Concello de Ames e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL).
Desta volta, impartirase o obradoiro “O soporte de Windows 10 remata, e agora, que facemos?” Trátase dunha charla informativa/obradoiro no que se explicará que implica o cambio de Windows 10 a versión 11 a nivel de seguridade e de uso. Deste xeito, as persoas que participen nesta actividade coñecerán como aproveitar ao máximo o seu ordenador cando xa non se pode actualizar a Windows 11.
A través deste obradoiro resolveranse posibles dúbidas e compartiranse experiencias e opinións. Ademais, as persoas que leven o seu ordenador disporán de asesoramento para facer o cambio de sistema operativo. Deste xeito, ofreceranse pautas para dotar de maior seguridade ao teu ordenador e compromiso co medio ambiente, todo nunha sesión práctica e amena.
A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón. A actividade impartirase no local que está situado no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8, de 11:30 a 13:00 horas.
O Banco Municipal de Reciclaxe é un proxecto que aposta pola reutilización de obxectos en bo estado, ofrecéndolles unha segunda vida e reducindo o volume de residuos. Deste xeito, promóvese un consumo responsable, solidario e sostible, fomentando a economía circular e o coidado do medio ambiente.





