- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, volve a programar un ano máis a Mostra de Teatro Afeccionado. Deste xeito, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá do 5 ao 8 de decembro un total de catro representacións teatrais a cargo de compañías de Ames, Brión, Muxía e Santa Comba. Os convites poden adquirirse na Billeteira electrónica. No caso de haber convites dispoñibles, tamén se poden coller o propio día do espectáculo.
O Concello de Ames retomou no pasado 2024 a Mostra de Teatro Afeccionado, unha iniciativa organizada pola Concellaría de Cultura e a Escola Municipal de Teatro de Ames que ten como obxectivo poñer en valor o esforzo e dedicación dos grupos de teatro non profesionais, así como a cultura e a lingua galega no ámbito das artes escénicas.
Luns 8 de decembro: Soño dunha noite de San Xoán, do Grupo Municipal de Teatro de Ames
O grupo municipal de teatro integrado por adultos representará nesta mostra de teatro a peza “Soño dunha noite de San Xoán”, unha adaptación da obra de William Shakespeare escrita no 1595 baixo a dirección de Diego Rey. O espectáculo xa foi presentado no mes de xuño tanto no auditorio do Milladoiro coma no de Bertamiráns. Nesta peza, baseada no día de San Xoán, coñecida como a noite máis curta de todo o ano, pode acontecer calquera cousa: dende dúas parellas de namorados que loitan polo dereito a estar xuntos (aínda que non teñan moi claro aínda con quen...), ata dúas meigas que compiten pola sona de ser a mellor. Fadas danzarinas, trasnos argalleiros, e mesmo un grupo de humildes artesás con ínfulas de artistas citaranse no medio da fraga nunha noite chea de amor e humor.





