Pestanas principais

>Mostra de Teatro Afeccionado: As arteiras maneiras de María Volpona

Sábado, 6 decembro, 2025
Ás 19.00 horas

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, volve a programar un ano máis a Mostra de Teatro Afeccionado. Deste xeito, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá do 5 ao 8 de decembro un total de catro representacións teatrais a cargo de compañías de Ames, Brión, Muxía e Santa Comba. Os convites poden adquirirse na Billeteira electrónica. No caso de haber convites dispoñibles, tamén se poden coller o propio día do espectáculo. 

O Concello de Ames retomou no pasado 2024 a Mostra de Teatro Afeccionado, unha iniciativa organizada pola Concellaría de Cultura e a Escola Municipal de Teatro de Ames que ten como obxectivo poñer en valor o esforzo e dedicación dos grupos de teatro non profesionais, así como a cultura e a lingua galega no ámbito das artes escénicas.  

Sábado 6 de decembro: As arteiras maneiras de María Volpona, de Escola Municipal de Teatro de Muxía
A Escola Municipal de Teatro de Muxía traerá a Ames unha proposta chea de humor e crítica social, unha fábula descarnada que xira arredor da avaricia e da luxuria. A través da sátira, a peza denuncia a debilidade humana e lévanos a reflexionar ata onde nos poden facer chegar as ansias por acumular beneficios e poder. Nesta proposta os personaxes aparecen caricaturizados e estereotipados, con características precisas que os definen.