Pestanas principais

>“Mofa e Befa. Os Dous de Sempre. O Regreso” de Producións Teatrais Excéntricas

Venres, 31 outubro, 2025
Ás 20.30 horas

O outono chega cunha ampla programación cultural a Ames, dirixida para todos os públicos. Ao longo dos vindeiros meses de outubro e novembro, a veciñanza poderá gozar de diferentes propostas de teatro, danza, cine ou música que se desenvolverán nas localidades de Bertamiráns e no Milladoiro. As entradas poden adquirirse a través da Billeteira Electrónica. A programación conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios e Turismo de Galicia, e da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Neste 2025 estase a celebrar o Ano Castelao, en homenaxe polo 75 aniversario do pasamento deste ilustre personaxe da cultura galega. Dentro da programación do Concello de Ames a dita conmemoración, está incluída a representación que terá lugar este venres, 31 de outubro, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, “Mofa e Befa: Os dous de sempre. O regreso” de Producións Teatrais Excéntricas. 

Producións Teatrais Excéntricas construíu os seus últimos éxitos adaptando para o teatro grandes figuras da literatura galega. Así, a teatralidade do Porco de Pé de Vicente Risco e o Auto do Castromil de Manuel María, foron as pezas escollidas pola compañía en ocasións anteriores, chegando a ter máis de 120 funcións por toda a xeografía galega. Desta volta, foi a quenda do ilustre Castelao con dous dos seus personaxes máis característicos dentro da súa faceta humorística. 

Sinopse de “Mofa e Befa: Os dous de sempre. O regreso”
Esta peza de comedia teatral na que se mestura sátira e cultura popular, dirixida por Quico Cadaval e a dramaturxia a cargo de Carme Varela, homenaxea o universo humorístico de Castelao a través das personaxes de Pedriño e Rañolas, interpretadas por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. A peza tamén conta coa interpretación de Jostio Porto. 

Pedriño e Rañolas son dous amigos inseparables, antagónicos e entrañables: un é idealista e soñador, o outro materialista e pragmático. Son “os dous de sempre”, criaturas nacidas do papel e do humor gráfico de Castelao, agora traídas á escena por Mofa e Befa. 

Nesta nova aventura, o dúo cómico máis emblemático do país, encarna os arquetipos da comedia galega, mesturando bufóns, pallasos, nenos e tolos nunha viaxe teatral tan divertida como fonda. A escena convértese nun espazo onde corpo e alma, risa e crítica, tradición e vangarda van dan a man. Un espectáculo para rir, pensar e celebrar o humor como patrimonio colectivo.

Sobre Producións Teatrais Excéntricas
Con máis de dúas décadas de experiencia sobre os escenarios e numerosos premios ás súas costas, Producións Teatrais Excéntricas é un proxecto no que o humor e a comedia xoga un papel fundamental de forma irónica e crítica. Así mesmo, a compañía serve como plataforma de creación dos espectáculos unipersoais de Quico Cadaval e os musicais de Piti Sanz.

Ao longo destes anos, a compañía realizou representacións por teatros e festivais de diferentes países. Así mesmo, recibiron numerosos recoñecementos e premios polas súas obras, destacando varios premios María Casares ou o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño ao Mérito nas Artes Escénicas no 2017.