Pestanas principais

>Mercado de Nadal

Sábado, 20 decembro, 2025
De 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas

A programación de Nadal en Ames este ano contará coa novidade da celebración dun Mercado de Nadal na praza da Maía para os vindeiros días 19, 20 e 21 de decembro. En total haberá 18 postos; 13 de artesanía e 5 postos de alimentación e produtos da horta. O horario de atención ao público do Mercado de Nadal será o venres de 17.00 a 20.30 horas, e o sábado e domingo, de 10.00 a 14.00h e de 17.00 a 20.30 horas.

Trala posta en marcha dun Mercado de produtos da horta e artesanía, agora o Concello de Ames vai dar un paso máis coa celebración dun Mercado de Nadal durante este mes de decembro. Dito mercado celebrarase na praza da Maía, en Bertamiráns, o venres 19, sábado 20 e domingo 21 de decembro, e contará con 18 postos de alimentación e artesanía.

O mercado estará instalado dentro dunha carpa e contará cun total de 18 postos distribuídos por toda a superficie. Os postos destinados á artesanía estarán situadas nos laterais do mercado, mentres que os postos de alimentación e produtos da horta estarán localizados na parte central do mercado.

O Mercado de Nadal abrirá o venres 19 pola tarde, en horario de 17.00 a 20.30 horas. O sábado 20 e o domingo 21 de decembro, abrirá en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e de tarde, de 17.00 a 20.30 horas. Cómpre destacar que o mercado contará cun dispositivo de vixilancia de seguridade nas horas de peche, polo que os propios expositores poderán decidir se deixar a mercancía nos postos ou non.

18 postos de alimentación e artesanía
Os postos de alimentación estarán ocupados por Da Horta á túa Porta (venda de hortalizas); Casa Curtis (chourizos, queixos, etc); Dolci e Bambini (venda de produtos de pastelería e sobremesas de Nadal); Aceites Galego Embruxo (aceite galego); e Ecogalletas.

Por outra banda, no mercado participarán varias empresas do sector da artesanía como son Con un pouco de papel (adornos de Nadal en madeira e metacrilato); Las telas de Julia (produtos téxtiles, bolsas, bolsos, etc); Asociación Anaisa (produtos de cosmética, velas e incensos naturais); Livengi (velas aromáticas e artísticas, flores de cintas e manualidades con materiais de reciclaxe); Dilhky-Crafts (artesanía de dioramas, booknook e produtos de fantasía); Belelula (artesanía en madeira, vidro e téxtil).

Ademais, dentro dos postos de artesanía participarán Las Telitas de Teresa (bixutería, monecas de nadal, monecas cápsula); Encadernación artesanal da Asociación Fonte da Virxe (centros de Nadal, velas do Nadal, pulseiras, chaveiros e cestos); Flow de Meiga (candeas de Nadal de cera de abella e soia, aromaterapia, incensos naturais, desodorantes naturais, sacos térmicos…); Indiartaborigen (artesanía de autor en xoias de coiro con deseños de corte a bixutería e trenzados integrados); Noites de Datura (orfrebería elaborada con prata e pedras naturais); Bonecotolo (amigurumi e téxtil); e Leidy Silva Art (arte e manualidades).