Pestanas principais

>Marcha ciclista nocturna

Venres, 19 setembro, 2025
Ás 22.00 horas

O Concello de Ames vai celebrar por sétimo ano consecutivo a Semana Europea da Mobilidade, que neste 2025 se desenvolverá no municipio do 19 ao 21 de setembro, cunha serie de actividades a prol da mobilidade activa e sostible. Deste xeito, o programa inclúe unha marcha ciclista nocturna, un circuíto de educación viaria, xogos en bici e maila primeira edición da Ames Gravel Social Ride que organiza o Club ciclista Ames. O prazo de inscrición para participar xa está aberto, só é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal. Na organización desta actividades colaboran a Policía Local, a Agrupación de Protección Civil, e a área de Educación viaria da Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña.

A Semana Europea da Mobilidade é unha campaña dirixida a sensibilizar, tanto aos responsables políticos como á cidadanía, sobre as consecuencias negativas que ten para a saúde pública e o medio ambiente o uso excesivo do coche na cidade. Así mesmo, busca promover o uso de modos de transporte máis sostibles, en particular, o transporte público, a bicicleta e os desprazamentos a pé. “Mobilidade para todas e todos” é o lema da VII Semana Europea da Mobilidade do Concello de Ames. 

Marcha ciclista nocturna 
As actividades comezarán o venres 19 de setembro, cunha marcha ciclista nocturna que partirá ás 22:00 horas dende a praza do Concello, en Bertamiráns. Ao igual que en edicións anteriores, farase un percorrido sinxelo e ben iluminado, duns oito quilómetros, pensado para que toda a familia poida participar. Para inscribirse, hai que enviar un correo ao enderezo electrónico mobilidade@concellodeames.gal, ademais, é preciso levar chaleco reflector e casco durante a marcha. Para esta actividade contarase coa colaboración da Policía Local e da Agrupación de Protección Civil.