- Tipo
- Tematica
A terceira edición da carreira de orientación do Concello de Ames terá lugar no casco urbano de Bertamiráns o vindeiro domingo, 5 de maio, a partir das 11:00 horas. Esta actividade foi organizada polo departamento de Deportes en colaboración coa entidade Xesta Natureza.
A carreira consistirá en visitar no menor tempo posible tódalas balizas establecidas na orde que se indica no mapa, que se entregará momentos antes do comezo a proba. Haberá 3 categorías:
- Xestiñas: categoría para nenos/as, sinxela física e tecnicamente (menos de 3 quilómetros en total).
- Xestas: categoría para adultos, nivel físico e técnico medio (menos de 4 quilómetros en total).
- Xesteiras: categoría para persoas con medios/altos coñecementos de orientación, nivel físico e técnico alto (máis de 5 quilómetros en total).
As saídas, que comezarán ás 11:00 horas, serán graduadas en tempo; é dicir, en ningún momento sairán dúas persoas (ou equipos) no mesmo minuto. A organización facilitaralles aos/as participantes unha tarxeta electrónica para ir rexistrando o paso por cada unha das balizas. Débese completar o percorrido (en orde), dende a saída ata a meta. Ao rematar a proba poderanse consultar os resultados en tempo real coa axuda dun código QR que irá impreso no mapa.