- Tematica
O Concello de Ames organiza para o sábado, 13 de maio, as II Xornadas de saúde mental, que nesta ocasión xirarán arredor do benestar emocional na terceira idade e o envellecemento activo. Trátase do segundo ano consecutivo que se celebra esta iniciativa, que a edición pasada se enfocou na saúde mental infanto-xuvenil. As xornadas, que están dirixidas ás persoas interesadas no benestar psicolóxico e a profesionais de todos os sectores, contarán cunha mesa redonda, dúas conferencias e dous talleres prácticos. Participar é de balde, previa inscrición a través do enderezo electrónico xornada.ames@gmail.com.
As II Xornadas de saúde mental contarán cunha mesa redonda, dúas conferencias e dous talleres prácticos, que versarán sobre temas diversos como o envellecemento saudable, as relacións interpersoais ou os coidados na terceira idade. As charlas desenvolveranse en horario de mañá, mentres que en horario de tarde terán lugar os obradoiros.
O programa dará comezo arredor das 9:30 horas, coa apertura e a recepción da documentación. Unha vez inaugurada a xornada, terá lugar a primeira mesa redonda, que moderará a técnica de Promoción da Saúde do Concello de Ames, Rosana Martínez. Baixo o nome “A participación social como experiencia de envellecemento saudable”, a mesa redonda acollerá a Rubén Ramos, responsable técnico municipal de voluntariado da Concellaría de Benestar Social de Ames; Manuela Fraguela, Presidenta da Plataforma de Pensionistas de Compostela; e Juan Carlos Cancela, Alumno do IV Ciclo USC e titor de novo alumnado da terceira idade que se incorpore á universidade.
A continuación, tras unha pausa de descanso activo e aperitivo saudable, desenvolverase a primeira das conferencias, que estará protagonizada por Santiago Frago, director médico no Instituto Amaltea de Sexoloxía. Fraga será presentado por Belén Montesa, coordinadora da xornada e do programa de prevención “coidadosÁmente”. A charla xirará arredor da saúde sexual e o amor como fonte de vida.
Para rematar a sesión de mañá, Sara Marsilla, doutora en psicoloxía pola USC e experta en envellecemento saudable, desenvolverá a conferencia “Coidando das persoas que coidan”. Será presentada por Mónica Antelo, psicóloga do CIM do Concello de Ames e docente na USC.
Xa en horario de tarde, terán lugar dous talleres simultáneos, “Alimentación e actividade física para envellecer de forma saudable”, e “Mitos e falsas crenzas na sexualidade das persoas maiores. A viuvez, outra etapa para afrontar”. Ambos darán comezo ás 16:00 horas. A primeira estará presentada por Juan Carlos Permuy, coordinador da xornada e do programa de prevención “coidadosÁmente”, e impartida por Ana Martínez, médica e técnica do servizo de estilos de vida saudable da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia; e por Paula García, técnica do Servizo de Estilos de Vida Saudable da Consellería de Sanidade.
O segundo dos obradoiros será presentado por Belén Montesa e impartido por Santiago Frago. As persoas participantes deberán escoller o taller no que queren participar no momento de anotarse.