- Tipo
- Tematica
O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames, organiza o vindeiro sábado, 19 de setembro, unha nova edición do Gran Premio Concello de Ames de supercross, un evento deportivo a nivel autonómico, non oficial e non federado, pero que é unha das probas que conforman a Galicia League. O evento desenvolverase no circuíto SX Alex de Moure, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda, e participarán os mellores pilotos de supercross de toda Galicia. Estímase unha participación de arredor de 50 pilotos, entre os que destaca Román Perez, campión de supercross en Portugal no 2008 e en España no 2009.
Na actualidade Galicia é unha potencia a nivel mundial neste deporte con figuras tan relevantes como Jorge Prado e Rubén Fernández. Jorge Prado compite no Campionato AMA de Supercross dos Estados Unidos, nas filas do equipo Monster Energy Kawasaki. Gañou catro veces o Campionato Mundial de Motocross, dúas delas na categoría raíña, MXGP, (2023 e 2024), e dúas en MX2 (2018 e 2019). Ademais, Rubén Fernández compite no Campionato Mundial de Motocross, na categoría raíña, MXGP. Fernández vén de acadar o segundo posto na segunda carreira do MXGP de Gran Bretaña, que se disputou esta pasada fin de semana, e está cuarto na clasificación xeral do campionato mundial.
Probas como o Gran Premio Concello de Ames de supercross permiten que máis nenos e nenas se vaian iniciando neste deporte e, por extensión, que corredores como Jorge Prado ou Rubén Fernández representen a Galicia no campionato do mundo.





