Pestanas principais

> Gala dos Premios Lingua e Empresa

Sábado, 17 decembro, 2022
Ás 19.00 horas

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, organiza un ano máis os Premios Lingua e Empresa, que promoven o uso da lingua galega no ámbito empresarial local. Nesta ocasión triplicouse a participación con respecto a edicións anteriores, e foron 26 as empresas de distintos lugares do municipio que se presentaron a esta convocatoria. Dúas delas recoñeceranse con premios de 1500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.

As empresas gañadoras desvelaranse na Gala Lingua e Empresa o vindeiro 17 de decembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta gala será un acto aberto ao público no que se pretende poñer en valor o tecido empresarial local xunto co uso do idioma. Ademais, recoñecerase o traballo feito polas empresas gañadoras nesta edición do certame e nas edicións anteriores. No remate da gala serviranse uns petiscos co obxectivo de crear un espazo informal de encontro e de intercambio de experiencias entre as diferentes empresas que teñen presente a lingua na súa política comunicativa.