Pestanas principais

> Festival SolporSon

Sábado, 8 xullo, 2023
A partir das 22:00 horas

O campo da festa de Biduído acollerá unha nova edición do SolporSon de Ames. Será este sábado, 8 de xullo. O festival, que naceu co obxectivo de organizar e programar unha alternativa musical en liña coa escoita activa á poboación moza; así como de dar difusión aos grupos que ensaian no local da Factoría e de achegar a cultura ao rural, volve a ter lugar por cuarto ano. 

Ao longo dunhas cinco horas, dende as 22:00, irán pasando polo escenario A Quinkillada, Jinetes del Trópico e Señora DJ, tres propostas que combinan música en galego e de distintos estilos, adaptada a un amplo espectro de públicos.

Pola súa banda, A Quinkillada representa a sinerxia entre a maxia da verbena galega e a forza dun festival con toda a frescura dunha banda nova. A banda mestura ritmos latinos coa rumba, para invitar a todo o mundo a bailar. O grupo está conformado por Rodri Martínez, Yago Oliveira, Suso PF, Byktor G., Daniel Acuña e Rubén Valverde, que se uniron como resposta artística ao peche da pandemia que privou á cidadanía dos concertos en directo.

Jinetes del Trópico, polo seu lado, mestura cumbia, reggaeton antimachista e punk tropical. A banda, nacida en Mos, crea cancións que reflicten compromiso, creatividade, amor, festa e os soños dos seus compoñentes.

Para pechar terá lugar a actuación de Señora DJ, a última das apostas do SolporSon. Baixo ese pseudónimo atópase Raquel Rodríguez, unha moza cuxa traxectoria musical despegou hai seis anos, cando as súas amizades a convidaron a tocar nun primeiro festival que marcaría os inicios da súa carreira. Pinchará diversos estilos.