Pestanas principais

>Festival de danza ABANEA

Mércores, 16 xullo, 2025
Ás 12.30 horas

Este mércores, 16 de xullo, o concello de Ames acollerá a xornada inaugural do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”, organizado pola asociación IS.MO Cultura. Do 16 ao 20 e xullo desenvolveranse diversas actividades arredor da danza e do movemento, co obxectivo de impulsar esta disciplina entre a veciñanza. O acto de apertura do festival será ás 13.30 hora na praza da Maía, en Bertamiráns. Haberá pezas de danza breves a cargo de Martín Blanco e Andrea Castro. Previamente, ás 12.30 horas farase un podcast en directo, conducido por Carlota Mosquera. Pola tarde, desenvolverase un foro sobre distribución nacional e internacional da danza de Galicia; un obradoiro de danza aberto; e un happening danza-clown. A programación en Ames pecharase ás 20.00 horas no Pazo da Peregrina cunha programación de catro espectáculos. Premendo nesta ligazón podes consultar a programación completa do Abanea 2025.

O Festival Abanea arrancará esta cuarta edición o mércores 16 de xullo en Ames. O acto de apertura será ás 13.30 horas na praza da Maía con pezas de danza breves a cargo de Martín Blanco e Andrea Castro. Previamente, de 12.30 a 13.30 horas, farase un podcast en directo con Carlota Mosquera. Trátase dun espazo para coñecer, compartir e achegar a danza desde outras voces a través da Canle Abanea. 

Dito podcast en directo faise en espazos específicos e transitados, antes da programación escénica. O espazo transforma a espera nun encontro: unha conversa viva con artistas, público e persoas que se achegan polo lugar. A través de dinámicas, preguntas e xogos, xéranse contidos que logo viaxan ás redes sociais en forma de clips audiovisuais, así como a plataformas de podcast baixo o nome FESTIVAL ABANEA.

Foro sobre distribución nacional e internacional da danza de Galicia
Unha das actividades máis destacadas que se van a facer en Ames é o foro sobre distribución nacional e internacional da danza de Galicia. Esta actividades vaise a desenvolver no Pazo da Peregrina, a partir das 16.00 horas. Trátase dunha xornada coordinada pola Federación Estatal de Compañías e Empresas de Danza (FECED), coa participación de Dance from Spain, compañías e profesionais, persoas dedicadas á programación e xestión do sector, co obxectivo de crear un espazo de diálogo, aprendizaxe compartida e reflexión sobre a proxección e circulación da danza de produción galega no contexto estatal e internacional. 

Para participar é necesario inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo formacion.ccg@xunta.gal. Premendo nesta ligazón podes obter máis información sobre o programa de dito foro.

Obradoiro de danza e happening danza - clown
Ademais, de 18.00 a 19.00 horas haberá dúas actividades máis. Nos xardíns do Pazo da Peregrina vaise impartir un obradoiro de danza aberto, que estará dirixido por Paula Quintas e impartido por varios profesionais da danza. Para participar é necesario inscribirse a través do correo electrónico cultura@concellodeames.gal. Para dispor de máis información pódese chamar ao número de teléfono 662 377 444.

Os obradoiros de danza abertos á comunidade son unha proposta participativa de Abanea que convida a persoas de todas as idades a compartir o movemento nun contexto colectivo, lúdico e accesible. Sen necesidade de experiencia previa, estas sesións en espazo público buscan crear un encontro entre veciñanza, artistas e contorna, poñendo o foco na expresión corporal, na relación co territorio e no gozo compartido. Cada taller está guiado por profesionais convidados/as que adaptan a proposta ás características do grupo e do lugar, fomentando a creación dun espazo común para bailar, explorar e participar.

Por outra banda, de 18.00 a 19.00 horas, haberá un happening danza – clown, dirixido por Marta Alonso, e interpretado por Martín Blanco (Cía SÖA). É unha proposta de intervención artística en espazos públicos que mestura danza, clown e interacción directa co público. A través dunha personaxe performativa de axitador-entretedor, o artista Martín Blanco percorrerá puntos clave de Bertamiráns para provocar encontros inesperados coa danza. Cun ton lúdico e espontáneo, estas accións buscan captar a atención das persoas que se atopan no espazo e convidalas a participar nun xogo escénico que remata cunha breve peza ou dinámica colectiva. É un xeito creativo de visibilizar o festival, adaptado aos contextos específicos de cada sede.

Programación de espectáculos
A programación en Ames pecharase ás 20.00 horas no Pazo da Peregrina cunha programación de catro espectáculos coa exhibición nos xardíns do Pazo da Peregrina das pezas Alleo, de Colectivo Glovo (Galicia-Portugal); Burnt, da compañía Lasala (Euskadi); e a estrea de A mona de seda, creada por María de Vicente dentro do apoio bienal do festival da edición de 2024-2025. Tamén haberá un espazo dinamizado para a danza comunitaria coa participación especial en directo de Señora DJ.

Multimedia