- Tipo
- Tematica
O XX Festival Internacional de Maxia de Ames,, nesta ocasión, terá lugar do 23 ao 26 de outubro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Este festival organizado polo Concello de Ames, en colaboración coa Deputación da Coruña, conta cun amplo programa de espectáculos e obradoiros para todos os públicos. Este ano contarase con propostas que se estrearon na edición do 2024 e que contaron cunha gran acollida, como O Baúl da Maxia ou Maxia para os nosos maiores. Por outra banda, contarase coa estrea do espectáculo “Imposible?!” do Mago Rafa e celebraranse os xa clásicos obradoiros de maxia e a Gran Gala Máxica Internacional. As entradas xa se poden adquirir na Billeteira electrónica. Este evento conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Gala máxica internacional
A Gala máxica internacional desta vixésima edición terá lugar o sábado 25 e o domingo 26 de outubro. Como nos últimos anos, haberá catro pases debido á gran demanda e interese que ten este espectáculo entre a veciñanza amesá. A Gala estará presentada polo mago e monologuista catalán Isaac Jurado.
Nesta ocasión, participarán os magos Seimei, de Corea do Sur e será a primeira vez que actúe en Europa presentando a súa proposta na que os elementos orientais son os protagonistas; Marcos Waldemar, mago galego emerxente que foi galardoado no último Congreso Nacional de Maxia e que estará a presentar unha proposta moi interesante; Peio Rivas, de Vitoria e experto na maxia de manipulación de obxectos, unha das ramas máis complicadas do ilusionismo; e Diego & Elena, dous artistas de Madrid e que presentan un espectáculo no que fusionan as acrobacias aéreas coa maxia.
A venda de entradas farase a través da Billeteira electrónica. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 535 940 / 662 377 444 ou escribir un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal.





