Pestanas principais

>Festas San Pedro de Bugallido

venres, 1 Xullo, 2022 a domingo, 3 Xullo, 2022

Dende este venres 1 de xullo e ata o domingo 3 de xullo, a parroquia de San Pedro de Bugallido celebra as festividades do seu patrón logo de dous anos sen festas por mor da pandemia da COVID-19. Durante os vindeiros días haberá unha serie de misas e procesións, así como verbenas e sesións vermú. Estas festas contan coa colaboración do Concello de Ames e da Concellaría de Cultura, a través do seu programa “Música nas parroquias”.

A parroquia de San Pedro de Bugallido comeza este venres 1 de xullo as festas na honra do seu patrón, San Pedro. As celebracións estenderanse ata o domingo 3 e vanse desenvolver no campo da festa da parroquia. Hoxe a partir das 23:00 horas comeza a fin de semana de festividades cunha verbena a cargo da orquestra La Dimensión. 

As festas continuarán o sábado 2, cunha misa ás 12:30 horas na honra de San Pedro. Seguidamente sesión vermú coa orquestra Furia Joven, unha orquestra que chega dende As Palmas de Gran Canaria cun marcado carácter latino, onde o merengue, a cumbia e a bachata forman a súa base musical. Xa pola noite, actuarán o dúo Rosan e de novo a orquestra Furia Joven que nos achegarán a súa música dende as 23:00 horas.

Por último, o domingo 3, pecharanse as festas cunha nova misa, acompañada da Coral Polifónica de Bugallido e a procesión co grupo de gaitas Requinta da Maía. Ambos os grupos como parte do programa “Música nas parroquias”. De seguido, sesión vermú coa Requinta da Maía e co grupo Camelot, un grupo musical disposto a facer ao público bailar, cantar e desfrutar coas súas versións de temas modernos e cos clásicos de toda verbena. O fin de festa virá da man do grupo Camelot que vai encher coa súa música o campo da festa dende as 23:00 horas.

“Música nas parroquias”

“Música nas parroquias” é a aposta da concellaría de Cultura para recuperar as festas das parroquias do concello de Ames. É un programa vivo que inclúe a todos os grupos musicais e agrupacións tradicionais que pasarán polas parroquias amesás nos meses de verán.  Baixo este programa xa actuaron os Retranqueiros no Milladoiro, a agrupación Airiños do Paseo de Colón en Ames, Os d’Abaixo en Bugallido ou as corais Lojo Batalla e Antonio Santomil en Ortoño.  Dentro do cartel de “Músicas nas parroquias” tamén poderemos escoitar grupos como Luar na Lubre, De Vacas, As Maianas, Os Castros ou a Banda de Música de Brión e a Ateneo de Negreira.