Pestanas principais

>Festas da Peregrina

mércores, 6 Agosto, 2025 a domingo, 10 Agosto, 2025

Por cuarto ano consecutivo o Concello de Ames, as comisións de festas da Madalena e da Peregrina e Xuventude Ames, colaboran para organizar 10 días de festexos no cartel “Ames en Festas 2025”, que encadea as festas da Madalena do Milladoiro, do venres 1 ao martes 5, e as festas da Peregrina de Bertamiráns, do mércores 6 ao domingo 10 de agosto. Estarán presentes en Ames as mellores orquestras de Galicia: Panorama, Olympus, Os Satélites, América de Vigo, Cinema, Assia, Metrópolis, Charleston e Compostela. En tódalas xornadas de verbena contarase con djs, coma Kike Varela ou Sergio Telmo, e disco móbiles.  Ademais, o parque do Ameneiral contará con varias actuacións musicais: Mondra, a celebración do Festival Emerxente e o Ameneiral Romaría Urbana. Así mesmo, continuando coa estela do ano pasado, volverá a haber dous pregóns, un no inicio das festas do Milladoiro, o sábado 2 de agosto, e outro no peche das festas de Bertamiráns o domingo día 10. 

Os dous núcleos principais de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, volven a celebrar un ano máis as súas festas da Madalena e da Peregrina de xeito conxunto, nunha programación que encadea 10 días seguidos de troula dende o venres 1 ata o domingo 10 de agosto. “Ames en Festas” é o nome deste cartel, no que este ano colaboran o Concello de Ames, as comisións de festas da Madalena e da Peregrina e Xuventude Ames.

Deste xeito, ao longo destas 10 xornadas festivas, haberá propostas musicais para todos os públicos e gustos, nos que actuarán as mellores orquestras da verbena galega pero tamén haberá oco para os artistas e grupos emerxentes ou o pop e rock, entre outros xéneros musicais, en galego.

Festas da Peregrina de Bertamiráns
Pola súa banda, Bertamiráns dará comezo ás festas da Peregrina o mércores 6 coa charanga Compostela, a orquestra Cinema e o DJ Sergio Telmo. O xoves 7 será un dos días máis destacados,  coas actuacións da orquestra Panorama e a disco móbil CDC. Nesta xornada será tamén quenda da charanga BB+. 

De seguido, o venres 8 de agosto, chegará outro dos pratos fortes das festas, co concerto de Mondra no parque do Ameneiral. O teense é un dos artistas máis destacados da escena musical en galego na actualidade e está a presentar o seu último traballo “De Ronda”. Ademais, nesa xornada contarase coas actuacións da charanga Os Celtas, a orquestra Charleston Big Band e a disco móbil nova CDC visual. 

Para o sábado 9 está prevista a actuación da Requinta da Amaía e a Coral Lojo Batalla xunto coa orquestra Metrópolis e a discoteca móbil CDC. As festas rematarán o día 10 coas actuacións de Airiños do Paseo de Colón, da Banda de música de Calo e, pechando os dez días de troula, a orquestra Compostela.