Pestanas principais

>Festas da Madalena

venres, 1 Agosto, 2025 a martes, 5 Agosto, 2025

Por cuarto ano consecutivo o Concello de Ames, as comisións de festas da Madalena e da Peregrina e Xuventude Ames, colaboran para organizar 10 días de festexos no cartel “Ames en Festas 2025”, que encadea as festas da Madalena do Milladoiro, do venres 1 ao martes 5, e as festas da Peregrina de Bertamiráns, do mércores 6 ao domingo 10 de agosto. Estarán presentes en Ames as mellores orquestras de Galicia: Panorama, Olympus, Os Satélites, América de Vigo, Cinema, Assia, Metrópolis, Charleston e Compostela. En tódalas xornadas de verbena contarase con djs, coma Kike Varela ou Sergio Telmo, e disco móbiles.  Ademais, o parque do Ameneiral contará con varias actuacións musicais: Mondra, a celebración do Festival Emerxente e o Ameneiral Romaría Urbana. Así mesmo, continuando coa estela do ano pasado, volverá a haber dous pregóns, un no inicio das festas do Milladoiro, o sábado 2 de agosto, e outro no peche das festas de Bertamiráns o domingo día 10. 

Os dous núcleos principais de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, volven a celebrar un ano máis as súas festas da Madalena e da Peregrina de xeito conxunto, nunha programación que encadea 10 días seguidos de troula dende o venres 1 ata o domingo 10 de agosto. “Ames en Festas” é o nome deste cartel, no que este ano colaboran o Concello de Ames, as comisións de festas da Madalena e da Peregrina e Xuventude Ames.

Deste xeito, ao longo destas 10 xornadas festivas, haberá propostas musicais para todos os públicos e gustos, nos que actuarán as mellores orquestras da verbena galega pero tamén haberá oco para os artistas e grupos emerxentes ou o pop e rock, entre outros xéneros musicais, en galego.

Festas da Madalena no Milladoiro
Durante a primeira semana de agosto, O Milladoiro celebrará as festas da Madalena, que comezarán o venres 1 co festival Millarock, que contará coas actuación de A Casa do Rock, Battosai, Ulex e Rure Ruexe.

O sábado 2 de agosto contarase coa actuación da Asociación Cultural Retranqueiros, Tiralle do Aire, a orquestra Os Satélites e a disco móbil Impacto. Para o domingo 3 de agosto está prevista a actuación da banda de música de Padrón, Os Castros, a charanga Os Atrevidos, a orquestra Assia e a disco móbil Chocolate. O luns 4 contarase coas actuacións de Airiños do Paseo de Colón, Os Celtas, e xa pola noite, da orquestra América de Vigo e maila discoteca móbil CDC. As festas da Madalena pecharanse finalmente o martes 5 de agosto coa actuación da orquestra Olympus, o DJ compostelán Kike Varela e a disco móbil CDC da man de Marcos Magán.