Pestanas principais

>Exposición polo Día Mundial da Auga

Sábado, 16 marzo, 2024
Ás 11:30 horas

Os departamentos de Medio Ambiente e Servizos Básicos organizan este sábado, 16 de marzo, unha exposición sobre o ciclo da auga para conmemorar o Día Mundial da Auga, que se celebra o 22 de marzo. Ademais, haberá diversos obradoiros e actividades, dirixidas a tódolos públicos. Para participar neles non é necesaria inscrición previa.

Este sábado 16 de marzo, de 11:30 a 14:00 horas, os departamentos de Medio Ambiente e Servizos Básicos organizan, en colaboración coa empresa Espina e Delfín, unha exposición no paseo fluvial de Bertamiráns para conmemorar o Día Mundial da Auga. Nela amosarase do proceso de depuración e potabilización da auga.

Tamén haberá varios obradoiros sobre esta temática dirixidos a tódolos públicos. O primeiro será “Bioindicadores do estado ecolóxico dos ríos”, ás 11:30 horas, no que, a través de mostras de auga e vexetación da ribeira, os participantes estudarán a presenza ou ausencia de determinados invertebrados acuáticos con distintos requerimentos ecolóxicos.

Por outra banda, ás 12:30 horas realizarase un paseo ornitolóxico a carón do rego. Nel dous expertos ornitólogos guiarán o avistamento e recoñecemento de paxaros.

Ademais, durante toda a mañá e de xeito continuado, levarase a cabo a actividade “Triturus”, un obradoiro colaborativo no que se farán figuras de anfibios (moi ligados ás augas limpas) prestando especial atención ao Triturus marmoraus, endemismo ibérico que se distribúe pola metade occidental da Península.