Pestanas principais

>Encontros monoparentais. Punto de asesoramento personalizado (en Bertamiráns)

Martes, 25 novembro, 2025
De 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas

A Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS), en colaboración co Concello de Ames, organizan a actividade “Encontros Monoparentais en Ames”. Esta iniciativa, que se vai desenvolver no Milladoiro e Bertamiráns, está dirixida a familias monoparentais do concello de Ames (nais/pais e os seus fillos e fillas). Ofreceranse dúas charlas: o 14 de novembro na Casa da Cultura do Milladoiro e o 22 de novembro no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Ademais, establecerase un punto de asesoramento personalizado o 17 de novembro no Milladoiro e o 25 de novembro en Bertamiráns. Para contar cunha previsión de participación hai que inscribirse enviando un correo electrónico a servizos_sociaisberta@concellodeames.gal. O prazo de inscrición para participar na charla do Milladoiro estará aberto ata ás 00.00 horas do xoves 13 e para a charla de Bertamiráns ata as 00.00 horas do venres 21.

Charlas informativas
O programa desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro e no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. En cada un destes lugares realizaranse 4 actividades, distribuídas en dúas xornadas en cada localidade. A primeira xornada celebrarase o venres, 14 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro, mentres que a segunda charla será o sábado, 22 de novembro, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. As dúas charlas impartiranse en horario de 16.00 a 18.00 horas.

Xogando con iguais
Esta actividade desenvolverase en paralelo á charla informativa e está dirixida aos nenos e nenas. Estará atendida por un servizo de animación que ademais de servir como canguraxe realizará xogos e dinámicas orientados a reforzar o concepto de diversidade familiar a partir do enfoque nas familias monoparentais.

Empregaranse para iso os materiais de “Os Bolechas e as familias monoparentais” (libro, audiolibro, caderno e fichas de actividades). De forma lúdica e didáctica, os nenos e nenas poderán aprender sobre a aceptación e importancia da diversidade familiar, comparar as familias humanas e animais, comprender as principais ocupacións e dificultades dos nais e pais e interiorizar que a corresponsabilidade nos coidados é cousa de todos e todas. 

Cada cativo/a recibirá como agasallo un libro e un caderno de actividades. Ademais, esta actividade busca fomentar a creación de vínculos entre iguais entre os nenos e nenas das familias monoparentais veciñas.

Merenda monoparental
Celebrarase a continuación das charlas informativas, de 18.00 a 20.00 horas. Será un espazo de encontro e convivencia no que se xuntarán todas as familias nun espazo grupal de ambiente distendido onde maiores e crianzas asistirán convidadas a compartir unha merenda. Búscase favorecer o intercambio de información e propiciar a creación de redes de auto apoio co obxectivo de que durante o tempo que dura a actividade, como tamén a futuro, poidan compartir inquietudes, explorar solucións e contribuír a coñecer os recursos informativos de apoio dispoñibles na súa contorna.

Contarase con servizo de canguraxe para que as nais/pais poidan participar de xeito relaxado na actividade. A duración estimada de cada encontro será de 2 horas. FAGAMOS ofrecerá os alimentos, bebidas e menaxe necesarios para servir a merenda.

Punto de asesoramento personalizado
Ademais, establecerase un punto de asesoramento personalizado o luns 17 de novembro no Milladoiro e o martes 25 de novembro en Bertamiráns. En ambos caso este servizo ofrecerase en horario de 10.00 a 14.00 e de 13.30 a 19.30 horas. 

Trátase dun servizo personalizado de información e asesoramento, con privacidade, durante 8 horas distribuídas en horario de mañá e tarde, cun tempo medio de atención estimado de 30 minutos por persoa. Facilitarase a obtención de cita previa, que terán prioridade na atención sobre as persoas que se acheguen sen tela. Haberá servizo de canguraxe para que as persoas beneficiarias poidan vir acompañadas dos nenos e nenas e poidan sentirse tranquilas mentres son atendidas. Para dispor de cita previa hai que enviar un correo electrónico a servizos_sociaisberta@concellodeames.gal.