Pestanas principais

>Encontros literarios: "As tres beiras" de Marta Estévez

Xoves, 20 novembro, 2025
Ás 20.00 horas

No mes de novembro continúan as sesións do programa de Encontros Literarios, que organiza o departamento das Bibliotecas municipais de Ames. Nesta ocasión, será a quenda de Marta Estévez, que estará a presentar a súa novela “As tres beiras” este xoves, 20 de novembro. A autora estará acompañada do editor César Lorenzo. Como vén sendo habitual, a presentación será no Pazo da Peregrina, ás 20.00 horas. A entrada será libre ata completar aforo.

O departamento de Bibliotecas municipais de Ames retomou as sesións do programa “Encontros Literarios”, unha das súas propostas con mellor acollida. Desta volta, Marta Estévez, estará a presentar “As tres beiras”, unha obra republicada en galego o pasado luns. 

Sobre ‘As tres beiras’
Marta Estévez (Vigo, 1972) é unha escritora licenciada en Filoloxía Inglesa que publicou no 2023 a súa primeira novela, “El secreto de las hermanas Asorey”, unha obra baseada na Compostela de 1931 coa segunda República. Foi finalista dos Premios Azorín (2019) e cuarta finalista nos Premios Planeta (2021) con sendas novelas de momento inéditas. 

A súa segunda novela “As tres beiras”, publicada orixinalmente o ano pasado en castelán ten como protagonista a Ulises, que en en plena pandemia do 2020, retorna á illa na que pasou aquel inesquecible verán da súa infancia xunto os seus avós, na dura década do 1980. A década da heroína, a década da sida, a década do retorno de moitos galegos emigrantes a Venezuela.

Na obra, retrátase a infancia da xeración nada no 1970 e a dor dos que tiveron que abandonar a súa terra para intentar gañar un futuro en América mais todas as problemáticas que xurdiron naquela época. Todo baixo a luz fascinante das illas atlánticas.