Pestanas principais

>Encontros literarios: "A gran final" de Xaquín Núñez Sabarís

Xoves, 5 xuño, 2025
Ás 20.00 horas

Este xoves, a partir das 20.00 horas, retómanse as sesións do programa Encontros Literarios que se desenvolven no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Desta volta, será a presentación do libro “A gran final. Contos e contas do fútbol galego”, unha obra coordinada por Xaquín Núñez Sabarís que conta coa colaboración de varios autores, xornalistas e personalidades do mundo do fútbol. Ademais da presenza de Núñez Sabarís, estarán presentes no encontro outros autores e colaboradores da obra: Lito Vila Baleato, Patricia Janeiro, Jesús Torres e Camilo Franco. 

O departamento de Bibliotecas municipais de Ames, continúa neste inicio do mes de xuño coas presentacións do programa “Encontros Literarios”, unha iniciativa que ten como obxectivo principal promover a literatura en galego, xunto con dar a coñecer novos escritores ou autores próximos.

Nesta nova sesión, presentarase “A gran final. Contos e contas do fútbol galego”, un libro de relatos colectivo publicado por Edicións Positivas e coordinado polo doutor en Filoloxía Hispánica e escritor, Xaquín Núñez Sabarís. Na presentación deste xoves, tamén estarán presentes os tamén colaboradores e autores dalgúns dos relatos do libro: Lito Vila, Patricia Janeiro, Jesús Torres e Camilo Franco. 

“A gran final. Contos e contas do fútbol galego”
 A obra está composta por 22 relatos, entre os que podemos atopar ficción pero tamén testemuños directos relacionados con personalidades do mundo do deporte que narran de primeira man a súa experiencia neste ámbito. Deste xeito, combínase a creatividade e o mundo da narración, coa realidade de deportistas e adestradores do fútbol galego, facendo unha síntese entre a práctica profesional do deporte, a cultura e o xornalismo deportivo. 

A obra conta coa colaboración e visión de grandes referentes no deporte como Vero Boquete, xogadora actual na Fiorentina; Eduardo Berizzo, que foi xogador e adestrador do Celta de Vigo; Sergio Álvarez, que tamén foi porteiro do Celta, ou do que foi xogador e capitán do Deportivo da Coruña, Álex Bergantiños. 

Nesta obra, preténdese achegar e combinar todas as facetas do deporte, dende o primeiro nivel do fútbol profesional ata as pachangas de barrio. Ademais, outra das finalidades deste libro é fomentar o interese da lectura, sobre todo en galego, entre outros públicos diferentes.