Pestanas principais

> Encontros Literarios en Ames: Alfredo Conde

Xoves, 18 novembro, 2021
ás 20:30 horas

As Bibliotecas Municipais seguen co seu programa “Encontros Literarios en Ames” coa presentación do libro “En canto a Fraga”, do escritor Alfredo Conde. O acto terá lugar, como é habitual, este xoves 18 de novembro, ás 20:30 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A entrada será libre ata completar aforo.

“En canto a Fraga”, editado por Ézaro Ediciones, ten como protagonistas ao propio autor e a súa relación con Manuel Fraga Iribarne, unha das figuras máis relevantes na política galega e española dende o Golpe de Estado franquista. Conde relata, a través de historias, feitos e reflexións, unha amizade que perdurou malia as grandes distancias políticas entre ambos, e que rematou de súpeto e de maneira drástica.

Alfredo Conde (Allariz, 1945) é un escritor e político galego, cunha ampla obra tanto en galego coma en castelán. Entre outros galardóns, foi Premio Nadal no 1991, por “Los otros días”; Premio da Crítica Española 1981 e da Crítica de Galicia 1982, por “Breixo”, ou Premio Nacional de Narrativa no 1986, por “Xa vai Griffón no Vento”. Conde foi deputado no Parlamento de Galicia doce anos, como independente no grupo do PSdeG, do 1981 ao 1993. Ademais, foi conselleiro de Cultura no executivo de Fernando González Laxe, entre os anos 1987 e 1990.