- Tipo
- Tematica
As bibliotecas municipais de Ames abren 2023 acollendo o encontro literario con Patricia de Lorenzo e o seu libro "Chévere: trinta e cinco anos de axitación cultural". Será o mércores 18 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A autora estará acompañada por Miguel de Lira e Xesús Ron, integrantes do grupo teatral Chévere, nun acto que presentará a concelleira de Cultura, Natividade González.
“Chévere: trinta e cinco anos de axitación cultural” é unha obra que repasa en forma de diálogo toda a historia da compañía teatral desde a súa creación en 1987. E faino a través das voces das persoas que formaron o seu núcleo máis estable: Miguel de Lira, Xesús Ron, Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés.
Esta autobiografía de 300 páxinas conta cun amplo e variado apartado gráfico con fotografías, imaxes de carteis e programas, documentación técnica e inclúe un epílogo escrito polo director da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia e docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), Roberto Pascual. Ademais, está chea de reflexións e anécdotas nas que non falta o humor .
A compañía teatral Chévere vén de recibir o XLV Premio da Crítica de Galicia na categoría de Artes Escénicas por N.E.V.E.R.M.O.R.E. Unha obra que forma parte parte da programación do Ames Cultural e que da poderemos gozar o venres 20 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.