- Tipo
- Tematica
Neste mes de outubro bota a andar unha nova edición do programa de Encontros Literarios, que organiza o departamento das Bibliotecas municipais de Ames. Desta volta, o primeiro encontro será o vindeiro xoves, 9 de outubro, coa presentación das biografías de Castelao, do escritor e historiador Miguel Anxo Seixas. Este encontro está incluído dentro da programación do Concello de Ames pola celebración do Ano Castelao. Como vén sendo habitual, a presentación será no Pazo da Peregrina, ás 20.00 horas. A entrada será libre ata completar aforo.
O departamento de Bibliotecas municipais de Ames retoma coa chegada de outubro unha das súas propostas con mellor acollida, os Encontros Literarios. Neste primeiro encontro literario da nova tempada 2025-2026, o protagonista será unha das figuras máis ilustres da cultura galega, Castelao. Miguel Anxo Seixas presentará a biografía de Castelao, que o escritor presenta en tres tomos baixo o nome ‘Castelao. Construtor da nación’. Esta sesión dos Encontros Literarios forma parte da programación da celebración do Ano Castelao polo Concello de Ames.
Sobre ‘Castelao. Construtor da nación’
Miguel Anxo Seixas (Arzúa, 1960) é un escritor e historiador galego. Ademais, é presidente da Fundación Castelao. Na súa obra, maioritariamente ensaio, trata importantes figuras da cultura galega e afonda na súa transcendencia e importancia.
Desta volta, presenta a biografía de Castelao en tres tomos, baixo o nome ‘Castelao. Construtor da nación’. O autor narra a vida dunha das grandes figuras da cultura galega dun xeito cronolóxico e case coma un diario da súa vida cotiá, tanto a nivel persoal coma profesional.
O autor desta crónica deita no papel a súa paixón pola busca do pormenor significativo, o seu rigor na comprobación e descuberta de aspectos ignorados ou esquecidos, o gusto por rexistrar os pasos e a obra de quen foi unha das personalidades fundamentais na construción da nación galega.





