Pestanas principais

> Encontro Intercultural

Sábado, 17 xuño, 2023
A partir das 12.00 horas

O sábado, 17 de xuño, a partir das 12.00 horas, celebrase en Ames un novo Encontro Intercultural no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Ademais da degustación de pratos típicos de diferentes nacionalidades, os asistentes poderán desfrutar dun obradoiro de cociña denominado “Cambio climático no prato”, da peza teatral “Vaia Tea!” de Xucrut Teatre, dunha actuación musical a cargo do músico venezolano Misael Sánchez e dun posto informativo e de venda de comercio xusto. Para participar no obradoiro de cociña hai que inscribirse previamente a través deste formulario web. Trátase dun obradoiro de cociña sostible para concienciar á poboación sobre a cociña de aproveitamento.

O departamento de Servizos Sociais do Concello de Ames invita á toda a veciñanza a asistir a un novo Encontro Intercultural o vindeiro sábado, 17 de xuño, dende as 12.00 horas. Os que así o fagan, poderán degustar pratos típicos de diferentes nacionalidades realizados por veciños e veciñas de Ames, procedentes de diferentes países como Arxentina, Colombia, Brasil, Guatemala, Venezuela, México, Nicaragua, República Dominicana, Marrocos, Ucraína e Grecia, entre outros.

Ao longo da xornada tamén haberá diferentes actividades como o espectáculo “Vaia Tea!” de Xucrut Teatre. O espectáculo “Vaia tea!” nace a raíz dun encargo da campaña de roupa limpa –financiada por Setem Catalunya–, na primavera do 2010, para crear unha peza de teatro que fale do consumo de roupa e poida chegar a un público amplo. Dende Xucrut abordan o tema do consumo de roupa con humor, e crean así un clima propicio para abrir debate co público ao rematar o espectáculo.

Ademais, haberá un posto informativo e de venda de comercio xusto. Tanto a representación teatral como o posto de comercio xusto son dúas actividades desenvolvidas por Solidariedade internacional de Galicia e forman parte do programa de sensibilización do Fondo galego de cooperación e solidariedade, do que Ames é socio.

Tamén haberá unha actuación musical a cargo de Misael Sánchez, músico venezolano que reside en Ames dende hai anos.

Obradoiro de cociña sostible
Dentro do Encontro Intercultural tamén se vai organizar un obradoiro de cociña sostible, en horario de 12.00 a 14.00 horas, para concienciar á poboación sobre a cociña de aproveitamento. Trátase dunha actividade dirixida á poboación de entre 15 e 35 anos. Contará coa participación do cociñeiro Álex Iglesias, do restaurante Cabanas.

Trátase dun showcooking de cociña sostible no que se prepararán pratos de proximidade cos que reducir a pegada de carbono. Encádrase no proxecto europeo #PeopleAndPlanet e #EuDEARProgramme. Ofértanse un total de 20 prazas. As persoas interesadas poden inscribirse a través deste formulario.