Pestanas principais

>Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+

Venres, 26 xuño, 2026
Dende as 19.30

Co gallo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+, o Concello de Ames, a través dos departamentos de Igualdade e Xuventude, prepara un feixe de actividades durante o venres 26 e o sábado 27 de xuño na explanada do pavillón municipal de Bertamiráns e no Paseo da Igualdade do Milladoiro. Deste xeito, o venres haberá diversos obradoiros temáticos, farase a entrega de premios do Concurso Fotográfico LGTBIQ+, e celebrarase a festa Holi Party. O sábado a acción pasará por outro obradoiro e un gran xogo colectivo. 

Un ano máis, o Concello de Ames, a través dos departamentos de Igualdade e Xuventude, volve crear unha programación temática en conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+, que se celebra o domingo 28 de xuño. Deste xeito, proponse unha fin de semana chea de actividades e música para celebrar a diversidade sexual. 

A festividade comezará o venres 26, ás 19.30 horas, na explanada do pavillón municipal de Bertamiráns, con dous obradoiros. O primeiro estará enfocado ao deseño e elaboración de bolsas, mentres que o segundo estará orientado á confección de bandeiras conmemorativas. Todo isto, acompañado de música, flocos de millo e algodón de azucre. Para ambos talleres a participación será aberta e gratuíta, polo que non será preciso realizar ningunha inscrición. 

Xa ás 21.00 horas, unha vez finalizados os obradoiros, farase entrega dos premios do Concurso Fotográfico LGTBIQ+, que se levou a cabo no concello durante as últimas semanas, e que está enmarcado na campaña “Ames a quen ames faino con orgullo”. Para finalizar a xornada, celebrarase unha Holi Party, a festa das cores.