- Tipo
- Tematica
O sábado, 14 de xuño, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns o grupo A Pedreira presenta “Basal”, unha obra que conecta música, psicoloxía, territorio e corpo-casa. Este grupo está liderado pola artista galega Ugía Pedreira, unha das grandes voces da música tradicional. O seu repertorio abarca folk, rock e jazz, nunha paleta rítmica amplísima tanto de instrumentos orgánicos como electrónicos. Os convites para dito concerto poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
A programación cultural do Concello de Ames continúa durante este mes de xuño, nesta ocasión cun concerto do grupo A Pedreira, que presentará en Bertamiráns o seu o último disco “Basal”. Será o sábado, 14 de xuño, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.
O amor pola sonoridade e o significado das palabras que caracterizan a obra de Ugia sustentan este segundo disco en solitario. Unha obra que conecta música, psicoloxía, territorio e corpo-casa. Cancións entretecidas pola narrativa visual e cotiá da artista no seu hábitat actual, a súa casa natal na Mariña, na procura do básico e orixinario. Unha viaxe polas diferentes Pedreiras, dende a Ugia nai ata a nena cantautora que subiu por vez primeira a un escenario con 14 anos.
Basal é unha fusión de estilos diversos, pintando a música galega desde o magma da composición. Unha viaxe interior confesional centrada na súa liña xenealóxica feminina, nunha paleta rítmica amplísima tanto de instrumentos orgánicos como electrónicos. Acompañada por Lorena Cachito (batería, percusións, coros), Alejandro Vargas (teclado, sintetizadores) e Mauricio Caruso (guitarra eléctrica), este espectáculo é unha viaxe continental entre a rave e a foliada, o club de jazz e a discoteca dos 80, a danza tribal e os rituais espirituais. Cuba, Brasil e Galiza abrázanse combinando o rock, o jazz, a MPB e o clásico, levando todas as cancións da autora a novos lugares.
Cómpre destacar que este último traballo de A Pedreira foi galardoado co premio na categoría Canción de autora nos XII Premios Martín Códax da Música 2025. Tamén foi nominada aos Premios de la Música Independiente (MIN) e aos Premios de la Academia de la Música de España 2025.





