Pestanas principais

>Circuíto de educación vial e xogos en bici

Sábado, 20 setembro, 2025
De 10.00 a 13.00 horas

O Concello de Ames vai celebrar por sétimo ano consecutivo a Semana Europea da Mobilidade, que neste 2025 se desenvolverá no municipio do 19 ao 21 de setembro, cunha serie de actividades a prol da mobilidade activa e sostible. Deste xeito, o programa inclúe unha marcha ciclista nocturna, un circuíto de educación viaria, xogos en bici e maila primeira edición da Ames Gravel Social Ride que organiza o Club ciclista Ames. O prazo de inscrición para participar xa está aberto, só é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal. Na organización desta actividades colaboran a Policía Local, a Agrupación de Protección Civil, e a área de Educación viaria da Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña.  

A Semana Europea da Mobilidade é unha campaña dirixida a sensibilizar, tanto aos responsables políticos como á cidadanía, sobre as consecuencias negativas que ten para a saúde pública e o medio ambiente o uso excesivo do coche na cidade. Así mesmo, busca promover o uso de modos de transporte máis sostibles, en particular, o transporte público, a bicicleta e os desprazamentos a pé. “Mobilidade para todas e todos” é o lema da VII Semana Europea da Mobilidade do Concello de Ames. 

O programa continuará o sábado 20, cunha serie de xogos e actividades orientadas á rapazada que teña a partir de 4 anos. De 10.00 a 13.00 horas, o aparcadoiro de Agriños, fronte a EEI do Milladoiro, acollerá un circuíto de educación viaria e un amplo abano de xogos populares en bicicleta. Nesta xornada, a rapazada poderá gozar dos circuítos en bicicleta coa súa práctica deportiva ao tempo que reciben recomendacións con respecto ao uso correcto deste medio de transporte. O obxectivo é introducir aos máis pequenos en diferentes escenarios cos que poden atoparse no seu día a día, desde o uso de semáforos, cruces ou pasos de peóns, para saber actuar ante todo tipo de situacións na vía pública. Para estas actividades contarase coa colaboración do persoal da área de Educación viaria da Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña.