- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, programa un novo ciclo de cine durante o mes de novembro no que se proxectarán os filmes San Simón, As liñas descontinuas e Ao son da nova regueifa. Todas elas serán proxectadas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro os xoves 5, 12 e 20 de novembro, ás 20.00 horas. Este ciclo de cine enmárcase dentro da programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro. Ao final das proxeccións haberá un pequeno coloquio sobre os filmes. As entradas teñen un prezo xeral de 3 euros e un prezo reducido de 1,50 euros. Pódense adquirir a través da Billeteira electrónica. Para o documental Ao son da nova regueifa hai que coller convite na Billeteira electrónica
Coa chegada do mes de novembro volve a Ames unha nova edición do programa Cine de outono, unha proposta organizada pola Concellaría de Cultura, que ten como obxectivo achegar á veciñanza diferentes filmes en galego. Esta iniciativa súmase ao ciclo Abril de Cine que se organiza durante a primavera.
Deste xeito, o vindeiro xoves, 5 de novembro, comeza este ciclo de cine coa proxección do filme San Simón, dirixida por Miguel Ángel Delgado; o xoves 12 poderase ver a longametraxe As liñas descontinuas, de Anxos Fazán; e o xoves 20 proxectarase o documental Ao son da nova regueifa, dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas. As tres sesión de cine serán no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20.00 horas.
Na primeira xornada contarase coa presenza do director de San Simón, Miguel Ángel Delgado, para a presentación do filme e posterior coloquio. Na segunda xornada asistirá a actriz, Mara Sánchez, que forma parte do reparto de As liñas descontinuas. E na terceira e última xornada do ciclo participará Manolo Maseda, director e guionista do documental Ao son da nova regueifa.
Primeira sesión: San Simón
Esta é unha produción de 2025 feita en galego, e que se enmarca dentro do xénero do drama. Está dirixida a persoas maiores de 12 anos e ten unha duración de 108 minutos. A dirección deste filme corre a cargo de Miguel Ángel Delgado e o reparto está composto por Alexandro Bouzó, Flako Estévez, Ana Fontenla, Manuel Landeiro, Guillermo Queiro, Darío Fernández Raposo, Lucía Amarillee Torrado e Xaime Vilasoa.
A historia sitúase en outubro de 1936, cando o réxime de Franco crea máis de trescentos campos de concentración por toda España: conventos, fábricas, escolas, prazas de touros, mosteiros e outros espazos pechados. A illa de San Simón destacaba pola súa insularidade, e o réxime converte o antigo lazareto nun lugar de morte onde os prisioneiros sofren a represión, rodeados dunha beleza abafadora. A historia continua sete anos despois, cando Lamas, un dos presos da illa, recorda a historia de homes e mulleres que, como el mesmo, sufriron a represión neste pequeno enclave da costa galega.





