- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, programa un novo ciclo de cine durante o mes de novembro no que se proxectarán os filmes San Simón, As liñas descontinuas e Ao son da nova regueifa. Todas elas serán proxectadas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro os xoves 5, 12 e 20 de novembro, ás 20.00 horas. Este ciclo de cine enmárcase dentro da programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro. Ao final das proxeccións haberá un pequeno coloquio sobre os filmes. As entradas teñen un prezo xeral de 3 euros e un prezo reducido de 1,50 euros. Pódense adquirir a través da Billeteira electrónica. Para o documental Ao son da nova regueifa hai que coller convite na Billeteira electrónica
Coa chegada do mes de novembro volve a Ames unha nova edición do programa Cine de outono, unha proposta organizada pola Concellaría de Cultura, que ten como obxectivo achegar á veciñanza diferentes filmes en galego. Esta iniciativa súmase ao ciclo Abril de Cine que se organiza durante a primavera.
Deste xeito, o vindeiro xoves, 5 de novembro, comeza este ciclo de cine coa proxección do filme San Simón, dirixida por Miguel Ángel Delgado; o xoves 12 poderase ver a longametraxe As liñas descontinuas, de Anxos Fazán; e o xoves 20 proxectarase o documental Ao son da nova regueifa, dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas. As tres sesión de cine serán no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20.00 horas.
Na primeira xornada contarase coa presenza do director de San Simón, Miguel Ángel Delgado, para a presentación do filme e posterior coloquio. Na segunda xornada asistirá a actriz, Mara Sánchez, que forma parte do reparto de As liñas descontinuas. E na terceira e última xornada do ciclo participará Manolo Maseda, director e guionista do documental Ao son da nova regueifa.
Segunda sesión: As liñas descontinuas
A segunda sesión do ciclo será o xoves, 12 de novembro, e poderase asistir a ver As liñas descontinuas. Trátase doutro drama en galego producido en 2025. Esta longametraxe está dirixida a persoas maiores de 12 anos e ten unha duración de 90 minutos. Está dirixida por Anxos Fazáns e o reparto está composto por Mara Sánchez, Adam Prieto, Alberto Rolán, Ana Fórneas, Lidia Veiga e Mónica García.
O filme conta a historia de Bea, unha muller de 50 anos que se está a separar do seu home. O día no que ten que abandonar o fogar no que viviu os últimos vinte anos chega á súa casa e atopa todo esnaquizado e a un dos ladróns durmido na súa cama. Denís é un rapaz transxénero de 28 anos que, aínda que estudou unha carreira, loita coa precariedade laboral e a falta de oportunidades. Logo de pasar tres días xuntos, cada un deberá continuar o seu camiño.





