Pestanas principais

>Festa do Apego de Ames

Sábado, 12 setembro, 2020
A partir das 11.00 horas

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, organiza a primeira Festa do Apego de Ames, que se desenvolverá o venres, 11 de setembro, pola tarde e mais o sábado 12 durante todo o día. As actividades desenvolveranse no Pazo da Peregrina e na Casa da Cultura de Bertamiráns. Haberá teatro infantil, contos, cantos de berce, concertos, unha foliada e moitas actividades máis. O prazo de inscrición para participar nas diferentes actividades que se organizan está aberto ata o mércores 9 de setembro.

O sábado 12 de setembro as actividades comezarán ás 11.00 horas no Pazo da Peregrina coa compañía Topa de Trapo. Esta compañía porá en escena o espectáculo Barquiño de Pau, que está dirixido a crianzas de 0 a 6 anos. Trátase dun espectáculo de teatro de obxectos e música para explorar os sentidos e as emocións.

A continuación, ás 12.00 horas, tamén no Pazo da Peregrina, haberá unha sesión de narración oral denominada Contos, lerias e cousas pequenas, a cargo de Vero Rilo, para nenos e nenas a partir dos 3 anos. Ás 13.00 horas chega Pakolas ao Pazo da Peregrina para ofrecer un divertido concerto con cancións para rockear, soñar, aprender e non parar de bailar.

Pola tarde, haberá dúas actividades no Pazo da Peregrina: ás 17.00 horas impartirase a sesión de contos Carvalho Calero no Carreiro, a cargo de Vero Rilo e Sonsoles Penadique. Trátase de contos e cantos da tradición oral galega e portuguesa, que están dirixidos a un público familiar. Ademais, ás 18.30 horas haberá unha Foliada con Apego dinamizada por Silvia Cerneira da Banda da Balbina.

Por outra banda, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20.30 horas, Magín Blanco e a Banda das Apertas ofrecerán un concerto de música infantil para cantar e bailar en familia. Preme nesta ligazón para desargar o programa completo.

Actividades permanentes
Ao longo de todo o día haberá dúas actividades que estarán de xeito permanente, en horario de 10.00 a 20.00 horas, no Pazo da Peregrina. Unha delas será o Espazo Apego, con información sobre o programa Apego e os recursos que a pon a dispor das familias. A outra actividade permanente será o Espazo recursos, no que haberá unha ampla mostra de recursos para facilitar a crianza en galego (contos, música, xogos…) e asesoramento a cargo de Fabaloba.