- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames acollerá o próximo 20 de setembro de 2026 o XXXIII Campionato do Mundo IAU de 100 quilómetros, a proba máis relevante do atletismo internacional de ultrafondo, que se ven celebrando dese 1987. A designación, anunciada oficialmente pola International Association of Ultrarunners (IAU) e organizada polo Club Ecodeporte co respaldo da Real Federación Española de Atletismo (RFEA), converterá o concello nun escaparate internacional de primeiro nivel, cunha proxección mediática sen precedentes e un impacto económico e turístico significativo para toda a comarca.
A saída e chegada localizarase fronte á Casa do Concello, cunha anchura de 6 metros. O recorrido discorre integramente sobre asfalto, cunha anchura mínima de 3 metros, e un desnivel acumulado mínimo: o punto máis baixo sitúase a 30 metros sobre o nivel do mar e o máis alto a 38 metros, o que garante unhas condicións óptimas para a competición.
As delegacións dispoñerán de carpas propias situadas a aproximadamente 700 metros do inicio, xunto á zona de avituallamento completo. Os servizos médicos, de masaxe e os controis de cronometraxe e antidopaxe estarán localizados nunha contorna inmediata da liña de saída e meta, próximos á Casa do Concello. A proba contará tamén con aseos habilitados na saída-meta, no punto de xiro e na zona de avituallamento.
Estímase a participación de arredor de 600 atletas procedentes de máis de 50 países (dos cales aproximadamente a mitade serán europeos e destacando como favoritos os equipos de Xapón, EEUU, India, Australia e España), xunto aos seus equipos técnicos, xuíces e persoal de apoio. Cada federación nacional poderá inscribir ata 9 corredores en cada categoría -masculina e feminina-, dos cales ata 6 poderán puntuar para a clasificación por equipos. Outorgaranse títulos en catro categorías: individual masculino, individual feminino, equipos masculinos e equipos femininos.
O campionato celébrase tamén, de maneira conxunta, co WMA 100K Wold Chamionships, o Campionato do Mundo de Atletismo de Veteranos, aberto a homes e mulleres maiores de 35 anos en categorías de 5 en 5 anos (de M35/W35 ata M100+/W100+). O tempo límite de carreira é de 11 horas e 30 minutos.





