Pestanas principais

>Aula da natureza: I Xornadas monográficas sobre o lobo

sábado, 16 Maio, 2026 a domingo, 17 Maio, 2026
Ás 10.00 horas

O departamento de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza, organiza os días 16 e 17 de maio as I Xornadas monográficas sobre o lobo do Concello de Ames no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, as cales están enmarcadas dentro da programación deste mes. Durante estes dous días, as persoas asistentes poderán coñecer en profundidade a natureza do gran depredador salvaxe de Galicia, así como discriminar entre mitos e realidades arredor da súa figura, a través das actividades programadas.

Durante estes dous días, haberá unha exposición, un circuíto de relatorios, unha actividade de busca do tesouro, un obradoiro de rastros, un muro de debuxos sobre o lobo e unha ruta guiada.

Comezarán o sábado 16 de maio coa inauguración e guía da exposición efémera “O lobo”, dende as 10.00 horas. Posteriormente, arredor das 11.00 horas darán comezo as charlas coloquio. Serán un total de tres: “Lobos e humanos: camiños converxentes”, con Antonio Centenera; “Comportamento e adaptación do lobo”, con Pedro Domínguez; e “Convivencia entre lobos e gandaría”, con Ovidio Queiruga. A asistencia é libre ata completar aforo.

Paralelamente desenvolverase a Busca do Tesouro Lobeiro, dirixida ao público infantil. De 10.30 a 12.00 horas estará orientada a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos, mentres que de 12.30 a 13.30 horas será a quenda do tramo de idade de entre 0 e 7 anos. Os bebés participantes deberán estar sempre acompañados por un adulto. Esta actividade si que necesita inscrición previa, xa que as prazas están limitadas a 30 para cada grupo de idade. 

Xa pola tarde, a programación retomarase co Obradoiro de Rastros, que estará dispoñible dende as 16.00 ata as 18.00 horas. Esta actividade está orientada a todos os públicos, e do mesmo xeito que na busca do tesouro, será preciso facer inscrición previa. As prazas están limitadas a 30. Ademais, durante toda a xornada do sábado estará dispoñible o muro de debuxos sobre o lobo e o pintacaras lobunas. 

O domingo 17, as I xornadas monográficas sobre o lobo pecharán esta edición inaugural coa ruta guiada enfocada aos rastros á etoloxía e ao hábitat do lobo. A actividade celebrarase en horario de 11.00 a 14.00 horas e a expedición tomará o Pazo da Peregrina como punto de encontro inicial antes de comezar o itinerario.