- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, programa un novo ciclo de cine durante o mes de novembro no que se proxectarán os filmes San Simón, As liñas descontinuas e Ao son da nova regueifa. Todas elas serán proxectadas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro os xoves 5, 12 e 20 de novembro, ás 20.00 horas. Este ciclo de cine enmárcase dentro da programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro. Ao final das proxeccións haberá un pequeno coloquio sobre os filmes. As entradas teñen un prezo xeral de 3 euros e un prezo reducido de 1,50 euros. Pódense adquirir a través da Billeteira electrónica. Para o documental Ao son da nova regueifa hai que coller convite na Billeteira electrónica
Coa chegada do mes de novembro volve a Ames unha nova edición do programa Cine de outono, unha proposta organizada pola Concellaría de Cultura, que ten como obxectivo achegar á veciñanza diferentes filmes en galego. Esta iniciativa súmase ao ciclo Abril de Cine que se organiza durante a primavera.
Deste xeito, o vindeiro xoves, 5 de novembro, comeza este ciclo de cine coa proxección do filme San Simón, dirixida por Miguel Ángel Delgado; o xoves 12 poderase ver a longametraxe As liñas descontinuas, de Anxos Fazán; e o xoves 20 proxectarase o documental Ao son da nova regueifa, dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas. As tres sesión de cine serán no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20.00 horas.
Na primeira xornada contarase coa presenza do director de San Simón, Miguel Ángel Delgado, para a presentación do filme e posterior coloquio. Na segunda xornada asistirá a actriz, Mara Sánchez, que forma parte do reparto de As liñas descontinuas. E na terceira e última xornada do ciclo participará Manolo Maseda, director e guionista do documental Ao son da nova regueifa.
Terceira sesión: Ao son da nova regueifa
A terceira e última sesión do ciclo está prevista para o xoves 20 de novembro. Nesta xornada proxectarase o documental Ao son da nova regueifa, dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas. Cunha duración de 60 minutos, este documental propón unha viaxe na procura das pontes construídas entre a regueifa tradicional e as súas expresións máis contemporáneas, afondando no proceso de recuperación e transformación desta arte da improvisación oral en Galicia.
Nun percorrido que atravesa o país de norte a sur, coñecemos regueifeiras e regueifeiros que nos abren as portas ao mundo do repentismo, traendo á fronte o talento, a creatividade e a diversidade que caracteriza a regueifa hoxe en día.
Neste itinerario que vai de Bergantiños a Vigo, non deixan de presentársenos unha serie de opostos: tradición e modernidade, aldea e cidade, aprendizaxe innata e pedagoxía… A través de testemuñas apaixonadas, versos improvisados e moita música, trázase un retrato poliédrico da regueifa contemporánea: unha arte con raíces fondas e ás abertas, disposta a seguir improvisando polos camiños do vento.





