- Tipo
- Tematica
A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde retoma a programación de andainas saudables, que está a percorrer o Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía por etapas. Desta volta, será a quenda da sétima e última etapa, de 21 quilómetros de percorrido, que vai dende Guisamonde ata Fisterra. A andaina realizarase o vindeiro sábado, 5 de xullo, e as persoas que estean interesadas en participar poden inscribirse cubrindo este formulario ata o xoves, 3 de xullo, ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 8:00 horas; e dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 8:15 horas.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, organiza unha nova actividade dentro do programa de andainas saudables. Desta vez, percorrerase o sétimo e último tramo do Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía, unha ruta que ten un percorrido total de 120 quilómetros e que é a única que ten como orixe de partida a capital galega. Ademais, o itinerario atravesa lugares do noso concello, así como de Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Muxía, ata chegar a Fisterra.
As andainas polo Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía comezaron o pasado 30 de novembro de 2024, coa primeira etapa, e rematan este vindeiro sábado 5 de xullo coa última. En total organizáronse sete etapas dende Santiago de Compostela ata Fisterra. Deste xeito, péchanse as andainas saudables ata despois do verán que se retomarán cun novo itinerario. Ao igual que as andainas do programa SaúdeAndo, que remataron o pasado xoves, 26 de xuño, e volverán a realizarse no mes de setembro.
Sétima etapa: Guisamonde - Fisterra
O pasado sábado 21 de xuño realizouse a sexta etapa, que discorreu dende Os Muíños ata Guisamonde. Neste mes de xullo realizarase a sétima e última etapa que discorre de Guisamonde ata Fisterra. Nesta etapa percorrerase unha distancia de 17,5 quilómetros ata a vila de Fisterra. Dende aí haberá 3,5 quilómetros máis de subida ata o faro, completando un percorrido total de 21 quilómetros, o que a converte na etapa máis longa deste itinerario.
Deste xeito, sairase de Guisamonde para pasar por Santo Estevo de Lires, A Canosa, Castrexe, Buxán, Fisterra, ata chegar ao cabo de Fisterra. Camiño de Fisterra pasarase preto das praias do Rostro e de Langosteira.
Inscricións ata o 3 de xullo
Hai 50 prazas dispoñibles e as persoas interesadas en participar poden inscribirse á actividade no seguinte formulario ata o xoves, 3 de xullo, ás 14.00 horas. Tamén se pode acceder ao formulario escaneando o código QR que aparece no cartel do programa. Terán prioridade para participar as persoas empadroadas no Concello de Ames.
De novo, volverá a ofrecerse servizo de autobús que sairá desde os dous núcleos urbanos do concello. Sairá ás 8:00 horas desde a Casa da Cultura do Milladoiro e dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 8:15 horas. Recoméndase levar roupa axeitada e calzado cómodo.





