Pestanas principais

> AmesON de Nadal: Concerto solidario de Anxo Gómez

Mércores, 28 decembro, 2022
Ás 20:00 horas

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, informa de que o concerto solidario de Nadal que terá lugar este mércores, 28 de decembro, realizarase no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Debido a previsión meteorolóxica, que apunta abundante choiva, decidiuse cambiar a praza de Manuel Murguía pola Casa da Cultura. O recital, no que participará o violinista amesán Anxo Gómez Piñeiro, ten como obxectivo a recadación de fondos a prol da Asociación Galega da enfermidade de Dent, Art for Dent, que busca dar visibilidade a dita doenza e impulsar a súa investigación. A entrada para o concerto é gratuíta. A asociación Art for Dent disporá dun posto para vender diverso material co obxectivo de recadar fondos.

O concerto solidario celebrarase no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas. Anxo Gómez Piñeiro, de tan só catorce anos, ofrecerá un repertorio de catro pezas: Estudo nº 3, de Wieniawski; Introducción y rondó caprichoso, de Saint-Saëns; Concerto número 4, de Mozart; e unha habanera española de Sarasate. Sobre o escenario acompañarao o pianista Brais González, e a súa actuación complementarase cunha serie de proxeccións sobre o traballo artístico desenvolto por Hugo, un dos rapaces integrantes da asociación Art for Dent que sofre a enfermidade.

Anxo Gómez, que durante a súa curta carreira musical recibiu xa numerosos recoñecementos, vén de gañar recentemente o primeiro premio no Concurso de Corda Cidade de Vigo, celebrado entre os días 8 e 11 de decembro. Ademais, acumula xa outros prestixiosos galardóns, como a mención de honra lograda na categoría de menores de 21 anos na Competición Internacional de Violín que tivo lugar en Bratislava no pasado mes de setembro.

O obxectivo do recital é a recadación de fondos para a investigación sobre a enfermidade de Dent, unha doenza de orixe xenético que afecta aos riles, e é moi pouco común. A iniciativa está liderada por Art for Dent, unha asociación nacida en maio de 2021, e conformada por varias familias de Galicia e Asturias, que se reuniron para loitar contra a enfermidade dende a arte e a cultura, dándolle deste xeito máis visibilidade.