- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames vai celebrar por sétimo ano consecutivo a Semana Europea da Mobilidade, que neste 2025 se desenvolverá no municipio do 19 ao 21 de setembro, cunha serie de actividades a prol da mobilidade activa e sostible. Deste xeito, o programa inclúe unha marcha ciclista nocturna, un circuíto de educación viaria, xogos en bici e maila primeira edición da Ames Gravel Social Ride que organiza o Club ciclista Ames. O prazo de inscrición para participar xa está aberto, só é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal. Na organización desta actividades colaboran a Policía Local, a Agrupación de Protección Civil, e a área de Educación viaria da Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña.
A Semana Europea da Mobilidade é unha campaña dirixida a sensibilizar, tanto aos responsables políticos como á cidadanía, sobre as consecuencias negativas que ten para a saúde pública e o medio ambiente o uso excesivo do coche na cidade. Así mesmo, busca promover o uso de modos de transporte máis sostibles, en particular, o transporte público, a bicicleta e os desprazamentos a pé. “Mobilidade para todas e todos” é o lema da VII Semana Europea da Mobilidade do Concello de Ames.
As actividades da SEM rematarán o domingo 21 coa primeira edición da Ames Gravel Social Ride que organiza o Club Ciclista Ames coa colaboración da concellaría de Deportes. A saída será ás 9.30 dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Trátase dun marcha non competitiva e que terá un percorrido aproximado duns 43 quilómetros, cun desnivel de 700 metros.
A proba estará divida en dous tramos, unha primeira parte duns 22 quilómetros que percorrerá o norte do concello, correspondendo á zona máis elevada de Ames. Tras o primeiro tramo, haberá unha zona de avituallamento no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, que dará paso á segunda metade da marcha, na que o percorrido será por unha zona máis chá.
Con estas dúas partes ben diferenciadas, búscase incluír a todo perfil de ciclistas, desde os máis principiantes ata os máis avanzados pois cada quen pode decidir se realizar a carreira completa ou ben realizar só un dos dous tramos.
Neste senso, coa realización dunha marcha gravel, búscase dar a coñecer esta especialidade do ciclismo que, na actualidade, está en auxe. Na modalidade do gravel elimínanse os perigos do ciclismo de estrada, pois os tramos de asfalto transcorren principalmente por vías secundarias pouco transitadas, e tamén se suprimen os aspectos e especialización máis técnica do ciclismo de montaña, que inclúe camiños con máis complicados. Así, nas rutas de gravel abondan as pistas por terra e os tramos por núcleos rurais.
Para dispor de máis información sobre este evento hai que acceder á web do Club ciclista Ames ou á conta de Instagram @clubciclistaames. As inscricións poden tramitarse a través deste formulario.





