Pestanas principais

>Acto do Día de Galicia

Martes, 23 xullo, 2024
Ás 20.00 horas

O Concello de Ames organizou para o martes, 23 de xullo, ás 20.00 horas, unha serie de actividades para celebrar o Día de Galicia. Trátase dun acto institucional, que se celebrará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, onde se lle fará un acto de recoñecemento ao deportista amesán, Borja Golán, que o pasado ano anunciou a súa retirada do deporte profesional. Entregaráselle a medalla do Concello de Ames en recoñecemento a súa carreira deportiva.

Un ano máis o Concello de Ames celebrará un acto institucional co gallo do Día Nacional de Galicia. Neste caso, como soe ser habitual, escolleuse o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para organizar este acto que reúne a autoridades municipais, membros de asociacións e veciños/as de Ames. Dito acto terá lugar o martes, 23 de xullo, ás 20.00 horas. Será presentado pola actriz e creadora Carlota Mosquera.

Será un evento sinxelo e aberto a todos os veciños e veciñas de Ames no que participarán os grupos políticos que forman parte da Corporación municipal. Dende o goberno e dende os partidos da oposición animan á veciñanza amesá a que asistan a este evento municipal. O acto abrirano a actriz e bailarina, Marta Alonso Tejada, e mailo grupo Mounqup, que ao longo do acto interpretarán varias pezas de danza con música en directo.

Durante o transcurso do acto intervirán o alcalde e mailas voceiras e voceiros dos diferentes grupos políticos da Corporación municipal. Trala intervención do alcalde faráselle entrega da medalla do Concello de Ames ao deportista amesán, Borja Golán, que é considerado  o mellor xogador da historia do squash español e chegou a ser top 5 do mundo en abril de 2014.

Este acto institucional serve para renderlle homenaxe a Borja Golán, que únese a outros/as relevantes veciños/as e entidades de Ames que recibiron anteriormente a medalla do Concello de Ames como a Coral polifónica de Bugallido, María Victoria Otero Espinar, Ramón Lorenzo, Ángel Carracedo, Filomena Fraga e Maximino Viaño. O acto pecharase co himno galego, que será interpretado polo grupo Mounqup.